O BNG alerta das gravísimas consecuencias da reforma constitucional, que desmantelará as políticas sociais e privatizará os servizos públicos

A Coruña, 9 de setembro de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego, a través da responsábel comarcal, Silvia Seixas, e do portavoz no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, aos que acompañou o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, debullou nun acto público celebrado na Coruña as consecuencias dunha reforma constitucional que os nacionalistas rexeitan tanto polo contido neoliberal como pola forma. Na súa intervención, Jorquera explicou que os partidos que acordaron o que chamou “contrarreforma”, o PP e o PSOE, “están a impoñer uns límites de déficit que deixan en papel mollado o modelo social definido pola constitución”.

O deputado nacionalista expuxo que a reforma “constitucionaliza un dos principios ideolóxicos máis duros do neoliberalismo”, e, neste sentido, lamentou que os socialistas “parezan empeñados en poñerlle a alfombra azul ao Partido Popular nas próximas eleccións, ao renunciar a un discurso alternativo”.

Jorquera alertou das perigosas consecuencias que suporá, xa que “o seu cumprimento aboca ao desmantelamento das políticas sociais e á precarización e privatización dos servizos públicos”. “Sen esquecer, que estes límites de déficit fan imposíbel a converxencia en benestar social entre o norte e o sur de Europa”, apuntou.

O déficit, unha ferramenta necesaria

O deputado nacionalista lembrou que o déficit é “ferramenta necesaria para favorecer o crecemento económico en contextos de crise e asegurar o mantemento das políticas sociais, tal e como demostra o feito de que Francia ou Alemaña fosen, no seu momento, os primeiros en incumprir os seus obxectivos de déficit cando lles interesou”. “Privar a un goberno desa ferramenta aboca a privatizar servizos básicos e desmantelalos”, insistiu.

Nesta liña, advertiu de que “o Estado español ten o gasto público por habitante máis baixo da Europa dos 15, onde o gasto social por habitante apenas representa o 74 por cento da Europa dos 15, un estado que é un campión de Europa en fraude e evasión fiscal, e onde o 1 por cento máis rico apenas contribúe á quinta parte que o 1 por cento máis rico en Suecia”.

Jorquera subliñou que o Estado ten que poder recorrer a ferramenta do déficit “para poder enfrontar unha situación de crise como esta, para destinar a gasto sanitario, a ensino ou a infraestruturas, porque iso favorece á economía produtiva e á calidade de vida da cidadanía”.

“O problema non é o volume da débeda”

Así, o portavoz nacionalista salientou que o problema non é o volume da débeda posto que na zona euro, a débeda supón o 85 por cento do PIB, fronte ao 223 do Xapón ou o 100 por cento dos EEUU e en España é até 21 e 23 puntos inferior á de Alemaña e Francia. “O problema radica nos ataques especulativos aos que a débeda está sometida”, afirmou Jorquera, quen lembrou que “cando houbo que axudar a banca, o déficit público non supuña daquela ningún problema”.

O portavoz do BNG salientou que “en lugar de adoptar medidas para evitar que os especuladores campen ás súas anchas, PP e PSOE só elevan as súas esixencias a norma constitucional”.

“En contraposición ao que defenden PP e PSOE, no BNG avogamos por desenvolver unha política tributaria xusta e equitativa que asegure o mantemento dos servizos públicos e as prestacións sociais”, apuntou. “Cómpre apostar polo papel da iniciativa pública na actividade económica, sen obviar o importante papel das CC.AA que teñen unha dupla finalidade: equilibrar e harmonizar o desenvolvemento territorial e sectorial, e estimular o medre da renda e da riqueza e a súa máis xusta distribución”, engadiu.

Os nacionalistas reclaman un referendo e advirten de que PP e o PSOE lles furtan as comunidades autónomas a capacidade de decidir“PP e PSOE desprezaron as formas democráticas”

Jorquera sinalou que PP e PSOE estean a levar a cabo esta reforma “con total desprezo ás máis elementais formas democráticas, sacrificando así a soberanía da política por render a democracia ás chantaxes dos especuladores”.

Tamén advertiu de que PP e PSOE “están a sacrificar a soberanía do Congreso ao que case se lle insta a aprobar por decreto o que pactaron o Señor Zapatero e o Señor Rajoy de costas da Cámara, limitando incluso as posibilidades de debate até o extremo de non admitir a trámite moitas das emendas presentadas”. E sobre todo, recalcou, “PP e PSOE sacrificaron a soberanía popular ao eludir a celebración dun referendo”.

“PP e PSOE sacrificaron o autogoberno das comunidades autónomas”

O portavoz do BNG no Congreso advertiu de que “PP E PSOE sacrificaron tamén” o autogoberno das CC AA por restrinxir a súa autonomía financeira “sen consultalas”. Considerou que “esta contrarreforma atenta contra a autonomía política dos futuros gobernos ao limitar o uso das políticas orzamentarias”.  

“O BNG nunca compartiu o confesionalismo constitucional que profesan os grupos maioritarios da Cámara e aspiramos a que no futuro sexa posíbel unha reforma da Constitución que recoñeza a realidade plurinacional do Estado, que recoñeza o dereito á autodeterminación dos pobos e que permita profundizar na democracia e avanzar na igualdade e xustiza social”, afirmou.

Jorquera sinalou que a reforma da constitución atacará directamente “a nosa autonomía financeira, a nosa soberanía e que en Galiza poidamos decidir por nós mesmos respecto de que políticas económicas queremos adoptar ou ter a capacidade de endebedarnos para apoiar o noso tecido produtivo”.

“Emprazamos a todos os deputados progresistas ou demócratas a que permitan que o pobo se exprese”

En declaracións aos medios, no marco dun reparto de material informativo do BNG sobre a reforma da Constitución, Jorquera salientou que “a sociedade ten dereito a expresarse, non pode ser que se impoña unha única política económica posíbel sen facer antes unha consulta popular”.

Así, salientou que “desde o BNG facemos un chamamento a todos os deputados que se consideren progresistas ou, simplemente, demócratas, para que asinen o escrito co que esixiremos a convocatoria dun referendo”, para o que os parlamentares teñen 15 días de prazo. “Polo de agora, só tres dos deputados electos en Galiza imos asinar ese documento, e somos os dous deputados do BNG no Congreso e o noso senador”, apuntou.

O portavoz nacionalista na Cámara baixa explicoulles aos medios que “PP e PSOE están practicando unhas políticas que só inciden en agravar a crise e en levarnos a un escenario de recesión”. “A economía estatal está totalmente conxelada, en encefalograma plano”, sinalou. “E o paro segue nuns índices escandalosos e, en vez de diminuír, increméntase”, engadiu.

“Nun contexto de crise tan aguda como o que vivimos, as políticas orzamentarias públicas teñen que ser un instrumento para reactivar a economía, para xerar emprego e para asegurar as prestacións sociais”, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]