Carril insta a Negreira a deixar de actuar de comisario político do PP
A Coruña, 9 de setembro de 2011.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, denuncia que a Xunta de Galiza “consumou a imposición das súas condicións ao conseguir que o Goberno local lle regalase o edificio da Fábrica de Tabacos a cambio de nada”. “E fíxoo grazas ao servilismo de Negreira”, engade.
Carril sinala que “non ten sentido que Negreira asumira unha decisión imposta polo secretario xeral do seu partido, o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, en lugar de defender os intereses da veciñanza”. “O alcalde, en vez de actuar como tal, dedícase a cumprir os desexos do presidente do seu partido, e que fai Feijóo a cambio pola Coruña? Recorta servizos sociais, retalla e privatiza os centros de día de Eirís e de Monte Alto ou renuncia a contarmos cunha residencia universitaria de xestión pública”, salienta Carril.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG insiste en que a opción defendida polos nacionalistas para a Fábrica de Tabacos é a cesión temporal, nunca por un tempo indefinido e condicionada a unha actividade en concreto, o que sería neste caso para dependencias xudiciais. “Esta fórmula é a máis habitual cando existe unha cesión de patrimonio público por parte dun ente institucional a outro ente institucional”, explica.
“O Goberno municipal debería ceder este espazo por un tempo limitado e cunha cesión vinculada ao desempeño da actividade xurídica e sen reservar, como figura no convenio da Xunta, eses 3.000 metros cadrados para actividades futuras das que nada sabemos”, conclúe. Por último, lembra que a Administración competente e responsábel de dotar de espazos dignos a Administración de xustiza de Galiza é a Xunta e non o Concello da Coruña.