O Goberno local segue a impedir a visita do Grupo Municipal do BNG á planta de Nostián
Pasaron dous meses desde que o BNG presentou formalmente a solicitude para a visita sen que recibise ningunha comunicación por parte do Goberno localA Coruña, 9 de setembro de 2011.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia a falta de talante de Negreira, que segue a impedirlle a visita ás instalacións da planta de tratamentos de residuos do Concello da Coruña en Nostián, xestionada en réxime de concesión polas empresas Babcock-Kommunalmbh-Tecmed S.A. UTE (nome comercial Albada). E é que xa pasaron dous meses desde que o portavoz do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, presentara por rexistro unha solicitude dirixida ao alcalde para lle reclamar que se adoptasen as medidas oportunas para que os concelleiros e concelleiras do BNG puidesen visitar a planta.
Carril formulou esta petición para comprobar in situ a situación real do tratamento de residuos. Segundo denunciou o comité de empresa de Albada, a planta de Nostián atoparíase nunha situación de completa saturación, o que estaría a provocar graves problemas ambientais con repercusións para a cidadanía.
O BNG lembra que segundo os traballadores, e por mor da situación das instalacións, algúns camións estarían xa a descargar xuntos os residuos orgánicos e inorgánicos, cando terían que ir por separado para o seu tratamento, alén do feito de que os residuos igualmente son descargados nos exteriores da propia planta, incrementando os malos cheiros na súa contorna. Esta situación, segundo o comité de empresa, traería consigo que se reconducisen os residuos sen tratar directamente ao vertedoiro de Sobrado dos Monxes.