O BNG presenta as propostas elaboradas en conxunto coa veciñanza dos Rosais e de Palavea
A Coruña, 9 de maio de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego presentou esta tarde nos Rosais e en Palavea as propostas que recolle no programa e que elaborou conxuntamente coa veciñanza e movementos sociais destes barrios da cidade. No primeiro dos lugares, participaron no mitin os candidatos Xosé Manuel Carril, María Xosé Bravo e Xosé María Calatayud, na que foi a cuarta visita da candidatura nacionalista ao barrio dos Rosais.
Na súa intervención, Carril volveu por de manifesto que o BNG é a única alternativa ás políticas de dereitas na Coruña, fronte ao PP e ao PSOE. “A diferenza das políticas de dereitas e de recortes sociais que practican o PSOE e do PP, o BNG está coa xente, cos parados, cos pensionistas, cos traballadores, coa mocidade, cos comerciantes. En definitiva, coa cidadanía e coa veciñanza”, salientou Carril.
O cabeza de lista do BNG na Coruña desenvolveu a continuación as propostas dos nacionalistas para mellorar Os Rosais. Así, propuxo habilitar espazos específicos para a mocidade, contemplando a tales efectos a transformación do espazo de Aventura Park na Praza Elíptica; regularizar o uso dos espazos e adaptación do horario ás necesidades veciñais; dotar dun rexistro auxiliar ao Centro Cívico do barrio para a tramitación administrativa; estabelecer liñas de axudas para que as organizacións sociais do barrio contén con espazo para a realización das súas actividades ou realizar as xestións oportunas coas administracións competentes de cara a habilitación de espazos para maiores e para o estabelecemento dun centro de día no barrio.
Carril sinalou ademais que os nacionalistas realizarán as xestións oportunas coa empresa Petrogal cara a urbanización do camiño de terra e barro, da súa propiedade, situado entre a praza da nosa Señora das Roseiras e a rúa Simón Bolívar, ademais de realizar as xestións oportunas coas administracións competentes de cara a implantación dun viario de acceso á terceira Rolda.
Ademais doutras actuacións para mellorar os accesos no barrio, o BNG recolleu a proposta da veciñanza para ampliar a rúa Simón Bolívar en dous carrís e beirarrúas máis anchas en ambos os lados da rúa. Tamén subliñou Carril que o BNG leva no programa a eliminación das pedras da área infantil do parque substituíndoas por material que se axuste á normativa e a creación dun carril-bici desde a estrada do Portiño enlazando co xa existente do paseo marítimo. Tamén sinalou a mellora das entradas e saídas de todos os centros de ensino do barrio co fin de garantir a seguridade viaria estudantil e para regular o tráfico e o fomento da instalación de comercios e servizos administrativos.
Sinalou ademais Carril que o BNG fará as as xestións oportunas diante da Xunta de Galiza para estudo, proxecto e construción dun centro de Formación Profesional dalgunha rama sen presenza na cidade. A tal efecto, o BNG consideraría a parcela prevista para equipamento docente nas Roseiras onde ademais o concello disporía de partes para aparcamentos e zonas deportivas de uso veciñal.
O candidato nacionalista salientou ante os veciños e veciñas a proposta do BNG para a rexeneración da praia do Portiño e as melloras nas vías de comunicación de acceso á mesma, ademais de comprometerse a selar o antigo vertedoiro de Bens.
Outras das propostas do BNG pasan por mellorar as vías de comunicación de acceso a San Pedro de Visma desde Os Rosais e reorganizar e adecuar as paradas dos buses, ademais de musealizar as galerías dos canóns do Monte de San Pedro.
Carril concluíu que “queremos facer todo isto sempre coa participación de todas e de todos vós, e de toda a cidadanía”. “A mesma participación que tivemos na elaboración do programa querémola ter agora para que o BNG sexa alternativa e para garantirmos o futuro da Coruña como cidade galega, de barrios, metropolitana e sustentábel”, salientou.
Propostas dos nacionalistas para Palavea
Tamén ás 20 horas celebrou o BNG un mitin en Palavea, coas intervencións de Ermitas Valencia, Xan Caxigal e Dores Martínez Castelo, que visitaban por cuarta vez o barrio, logo de varias reunións de traballo para a elaboración do programa. Os nacionalistas expuxeron que levan no programa, entre outras actuacións, a construción de pasarelas para peóns que conecten Palavea con Santa Xema e Santa Xema coa Pasaxe, o reforzamento das frecuencias das liñas intermetropolitanas de buses, nomeadamente as liñas que teñen parada no centro comercial de Palavea (Alcampo), e principalmente cos municipios de Culleredo e Oleiros.
Tamén propón o BNG recuperar a oficina de correos no barrio de Palavea, dotar dun rexistro auxiliar o centro cívico de Palavea, instalar barreiras sonoras que arreden ás leiras e aos predios e casas das vías que arrodean o barrio de Palavea e acondicionar o barrio en canto a iluminación, limpeza, accesos e beirarrúas.
Ademais, Valencia, Caxigal e Martínez Castelo advertiron da necesidade de que o barrio conte con educadores de rúa para que traballen coa mocidade (moita desta está sen escolarizar). Os nacionalistas anunciaron que recolleron entre as súas propostas sanear o río Quintas, recuperar a casa do Curro de Palavea para usos veciñais, recuperar e manter o patrimonio material do lugar: fonte, pombal e lavadoiro, habilitar e humanizar o Campo da Pena, habilitar espazos en Palavea para a práctica de deportes ou recuperar a toponimia e microtoponimia do barrio.