O BNG propón un Plan Integral de Inclusión Social na Coruña
A Coruña, 8 de maio de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego contén no programa un amplo apartado sobre inclusión social. “Na Coruña, a inclusión social ten unha especial relevancia no caso de colectivos vulnerábeis como a comunidade inmigrante ou a xitana”, apunta o candidato Xosé Manuel Carril, quen engade que “aínda que nos últimos anos estase a vivir un avance importante no proceso de integración no asentamento precario de Penamoa evidencia a forte discriminación que aínda sofre este colectivo así como a indefensión xurídico- administrativa que padecen, pondo de manifesto a urxente necesidade da intervención dos poderes públicos”.
Neste contexto, Carril propón elaborar un Plan Integral de Inclusión Social do Concello da Coruña, fundamentado nunha análise da realidade social sobre a que se vai a intervir, con coñecemento das particularidades de cada colectivo e coa participación activa dos sectores implicados. Esta actuación implicaría a creación dunha Oficina Municipal de Inclusión Social. “No programa recollemos propostas concretas para fomentarmos o acceso ao traballo, á formación e á vivenda das persoas excluídas ou en risco de exclusión social”, explica Carril.
“Seguen pendentes de solución os asentamentos de Penamoa, Ponte da Pasaxe, O Portiño ou As Rañas”
No que ten a ver co proceso de erradicación dos asentamentos precarios, Carril sinala que “as problemáticas sociais non foron ben determinadas nin tampouco ben tratadas, debido fundamentalmente á ausencia de programas de intervención social estables no tempo e a falta de implicación no proceso das partes afectadas”. “A dia de hoxe seguen pendentes de solución os asentamentos precarios de Penamoa, Ponte da Pasaxe, O Portiño e As Rañas”, afirma Carril, quen propón elaborar un plan de inclusión social para cada un dos asentamentos, en coordinación coas familias afectadas, entidades e concellarías implicadas.
Ademais de promover o emprego, a formación e a vivenda, o candidato nacionalista opta por actuar no eido da sanidade, do ensino ou da participación, coa implicación das distintas organizacións sociais especializadas nas diferentes áreas de intervención. Precisamente, este paquete de medidas que recollen os nacionalistas no seu programa foi elaborado conxuntamente con este tipo de organizacións e cos propios implicados.
“A discapacidade debe ser un vector transversal de atención preferencial en todas as liñas de acción política do concello”
O BNG tamén propón un actuacións de inclusión social para as persoas discapacitadas, sobre a base de que “a discapacidade debe ser vector transversal de atención preferencial en todas as liñas de acción política do Concello”, explica Carril. Así, entre outras medidas o cabeza de lista do BNG subliña “incluír de oficio en todos os pregos de contratación administrativa cláusulas sociais que prioricen as empresas licitadoras que fagan esforzos de responsabilidade legal e social contratando persoas con discapacidade”. Ademais de actuacións na eliminación de barreiras arquitectónicas, o BNG comprométese a promover o emprego para traballadores con algunha discapacidade.
Tamén alude o BNG no programa ás persoas maiores e dependentes. Neste sentido, os nacionalistas recollen a creación do teléfono da dependencia, que informará en liña de recursos e situación de expedientes, o incremento de cobertura na atención domiciliaria, o acondicionamento de cinco centros de día para semidependentes e dous centros para dependentes, a creación da “Tarxeta +”, con descontos para persoas maiores nos servizos e programas municipais, ou un programa de respiro familiar.
“É necesario elaborar un Plan Municipal de Prevención de Drogodependencias e Outras Adicións”
No que ten a ver coas persoas que sofren algún tipo de adición, o BNG aposta por un Plan Municipal de Prevención de Drogodependencias e Outras Adicións e pola creación dun observatorio coa participación de organismos e entidades que teñan relación con estas realidades da nosa cidade. Ademais de incidir en medidas de sensibilización, o BNG propón estabelecer prezos acaídos no uso do transporte público que faciliten acudir ás unidades asistenciais ás persoas usuarias destas.
En canto á infancia, Carril sinala que “cómpre ampliar os servizos de atención á infancia como recurso de conciliación para as familias”. Así, salienta o impulso da creación de novas escolas infantís integradas na rede galega como servizo público de atención á infancia de idades comprendidas entre os 0 e 3 anos, reforzar a escolarización temperá dos nenos en situación de risco social ou programas de axuda no fogar para a infancia e de diminución do absentismo escolar.
“Garantiremos a equidade para os doentes de enfermidades pouco frecuentes e para as súas familias”
Tamén inclúe o BNG no programa a inclusión social de persoas con doenzas pouco frecuentes, para as que apoiará os programas de atención específica que desenvolven as distintas entidades de doenzas pouco frecuentes. “O BNG porá en marcha desde o Goberno actividades de coñecemento e sensibilización sobre a realidade destas doenzas en colaboración coas entidades de doentes e
familiares e fomentará a equidade para os doentes na asistencia social e sanitaria, nos dereitos sociais básicos das persoas doentes e as súas familias e nos tratamentos, terapias e medicamentos orfos necesarios para a abordaxe da súa enfermidade”, conclúe Carril.
O candidato do BNG á Alcaldía da Coruña insiste en que estas medidas de inclusión social que os nacionalistas recollen no programa electoral “foron elaboradas conxuntamente cos colectivos e persoas directamente afectados”. “Fixemos nosas as súas propostas, porque o BNG quere o que beneficia a maioría social”, afirma Carril.