Carril: “O poder civil ten que respectar as crenzas, mais non pode porse aos pés da Igrexa”
A Coruña, 8 de maio de 2011.- O BNG lembra, co gallo da Función do Voto, acto no que participan tanto o PSOE como o PP, que a “a aconfesionalidade do Estado español debe implicar a súa neutralidade”. Neste sentido, o candidato do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía da Coruña, Xosé Manuel Carril, afirma que “os poderes públicos deben respectar as crenzas e as celebracións relixiosas da cidadanía, mais non poden participar nelas para garantir o principio de igualdade, segundo sinalan os tribunais”.
Carril asegura que “a prohibición de que os poderes públicos concorran coa cidadanía en actos relixiosos implica que o Concello da Coruña deixe de participar en actos como o da Función do Voto, á que asistiron hoxe tanto os concelleiros do PSOE como os do PP”. “O BNG non concibe que os representantes lexítimos dos coruñeses e coruñesas se poñan aos pés da Igrexa, vulnerando a aconfesionalidade dos poderes públicos”, engade Carril, quen pon de manifesto que “os poderes públicos teñen que ser neutrais nesta materia porque representan tanto cidadáns con crenzas como cidadáns sen crenzas relixosa, que deben ser tratados exactamente igual”.
A continuación, Carril advirte vez máis “da coincidencia do PSOE e do PP en actos coma este”. “PSOE e PP volven demostrar que son iguais, e que a única alternativa é o BNG, que respectando as crenzas de cadaquén, quere garantir a legalidade e o principio de igualdade entre os veciños e veciñas”. Carril conclúe que “as institucións públicas deben ser neutrais, e así o garantiremos de chegarmos á Alcaldía da Coruña”.