Valencia: “O BNG é a única forza política que aposta pola xente moza”
A Coruña, 7 de maio de 2011.- O BNG participou esta tarde na Festa da Mocidade organizada por Galiza Nova. Entre skaters, partidos de fútbol, de baloncesto, proxección de filmes ou música, tamén tivo cabida a reivindicación do emprego e da vivenda para a xente a moza. Así o puxeron de manifesto Avia González, membro de Galiza Nova e número sete do BNG, Ermitas Valencia, concelleira de Mocidade e número tres, e Xosé Manuel Carril, candidato á Alcaldía da Coruña.
Ao inicio da festa Avia González salientou que “é o BNG a única forza política que aposta polos mozos e mozas da Coruña”. “O BNG cre na mocidade cando propón a mellora do ensino, cando reclama unha residencia universitaria pública, cando reclama a inserción laboral da xuventude, cando propón melloras en mobilidade, cando aposta por reforzar os nosos sectores produtivos, cando reivindica a nosa lingua e cultura... o BNG cre na mocidade cando propón un albergue xuvenil...”, afirmou a membro de Galiza Nova. Avia sinalou que “só o BNG garante a inserción laboral da mulleres e só o BNG é quen de derrubar as barreiras da discriminación”.
“O BNG é a única alternativa para a mocidade”, aseverou. “O PP pretende roubarnos os nosos sinais de identidade e a nosa lingua, o PP sitúa a Galiza á cabeza de destrución de emprego, o PP lévanos os mozos e mozas á emigración, o PP promove leis antiabortistas, o PP eleva o profesorado a autoridade deixando indefenso o estudantado”, criticou. Tamén tivo palabras a nacionalista para o PSOE, do que dixo que “lle fai o xogo sucio ao PP, pretende roubar o noso futuro, aplica unha reforma laboral que nos prexudica gravemente e fúrtanos o dereito a recibir unhas pensións dignas”.
Valencia: “Faremos unha campaña austera, a nosa forza son as nosas ideas”
Pola súa banda, a actual concelleira de Mocidade, Ermitas Valencia, lembrou que foi o BNG quen abriu o concello aos mozos e ás mozas e quen impulsou que o concello se erixise como ferramenta para a autonomía da mocidade. “Até a chegada do BNG ao Goberno municipal, non existían políticas dirixidas á xente nova na Coruña”, subliñou Valencia, quen destacou que as propostas dos nacionalista para a xuventude se centran no emprego e na vivenda.
A número tres da candidatura nacionalista sinalou que “mentres outros partidos se dedican a fomentar as grandes áreas comerciais, que provocan destrución do emprego, que desprazan postos de traballo do centro á periferia e que precarizan o emprego, o BNG aposta por unha economía produtiva que cree traballo de calidade”. “O BNG é a única saída para os mozos e mozas”, destacou.
Valencia, quen apuntou que “non lle debemos nada á banca, nin aos especuladores nin ás grandes áreas comerciais”, afirmou que a campaña que desenvolve o BNG “enmárcase na austeridade, porque a nosa forza son as nosas ideas”.
A edil nacionalista aludiu aos candidatos do PSOE e do PP. Do primeiro criticou que “incite a cidadanía a consumir nas grandes áreas comerciais nun vídeo que circula na rede” e do segundo apuntou que “anuncia a visita de Gallardón como unha estrela cando descoñece a realidade coruñesa”.
“O BNG acredita na mocidade, non como fan outros, aos que só lles preocupa o botellón”
Pola outra banda, o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Xosé Manuel Carril, censurou a actitude das forzas políticas que se escudan no botellón “para dar unha imaxe criminalizadora e despectiva da xente nova”. “E hai cuestións moito máis graves que o botellón, como son o desemprego e as dificultades para a emancipación da xente moza”, explicou Carril. “E o BNG preocúpase polo dereito da xuventude a traballar e polo dereito da xuventude a ter unha vivenda digna”, subliñou.
O cabeza de lista do BNG debullou a continuación as propostas que recollen os nacionalistas no programa electoral ao redor do emprego e da vivenda para a xente nova. Así, explicou que “poremos en valor os nosos sectores produtivos que crean emprego, promoveremos as cooperativas de traballo asociado, fomentaremos as modalidades de formación de emprego con obradoiros de emprego e escolas-obradoiros, potenciaremos a relación entre os viveiros de empresas, reforzaremos o asesoramento legal e económico e a titorización á hora de que os mozos e mozas poñan en marcha un plan empresarial e incrementaremos as axudas na tramitación da constitución das empresas e das exencións fiscais no inicio da actividade”. Tamén sinalou Carril que os nacionalistas estabelecerán contratos-programa para o desenvolvemento de actividades, entre outras moitas propostas “para evitarmos que a nosa mocidade sexa carne da emigración”.
En materia de vivenda para a xente moza, Carril apostou por elaborar unha diagnose sobre as dificultades de acceso á vivenda dos mozos e mozas no Concello da Coruña, que teña en conta a situación laboral da mocidade, o prezo de aluguer e o parque inmobiliario dispoñíbel, do que lembrou que hai “máis de 20.000 vivendas baleiras”. Tamén propuxo Carril reservar o 30 por cento da vivenda de protección para os menores de 30 anos, reforzar o servizo de vivenda do Centro Municipal de Información Xuvenil, crear unha residencia universitaria pública e construír un albergue xuvenil.