Carril pídelle a Chacón que Defensa deixe de especular cos terreos e instalacións militares da Coruña
A Coruña, 6 de maio de 2011.- O candidato do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Carril, referiuse esta tarde en declaracións aos medios á estancia da ministra de Defensa, Carme Chacón, na nosa cidade. “Esperemos que non pase como nas visitas recentes dos ministros Valeriano Gómez e Rosa Aguilar á Coruña, que foron visitas mediáticas sen achegar propostas para a nosa veciñanza; así desexamos que a de Chacón sexa unha viaxe produtiva para os intereses da cidade”, apuntou Carril. O nacionalista reclamoulle á ministra que “garanta a continuidade da Fábrica de Armas da Coruña na súa localización actual e que manteña cando menos o actual nivel de emprego”. Neste sentido, o candidato do BNG á Alcaldía instou o Ministerio de Defensa a “deixar de especular cos terreos e instalacións militares da cidade”.
Carril tamén lle pediu á ministra que “o Cuartel da Atocha sexa para usos da cidadanía, co fin de acoller servizos destinados á veciñanza da Cidade Vella”. Nesta liña, Carril lembra que o BNG leva no programa que se promoverá desde o Concello da Coruña o uso para a cidadanía de edificios pertencentes a outras Administracións e que están a ser infrautilizados, como acontece co cuartel.
O candidato nacionalista fixo estas declaracións no transcurso dun reparto de material electoral na zona da Sagrada Familia, acompañado por membros da candidatura, como María Xosé Bravo e Ermitas Valencia, e militantes do BNG.
Carril aposta por mellorar a comunición en transporte público na Sagrada Familia
Pola outra banda, esta tarde o BNG celebrou o primeiro dos mítins desta campaña electoral. E fíxoo na Sagrada Familia, “barrio no que os veciños e veciñas tamén traballaron con nós na elaboración do programa electoral, que contén máis de mil propostas para que A Coruña siga a ser unha cidade galega, de barrios, metropolitana e sustentábel”. Nesta liña, Carril, logo de ser presentado pola membro da candidatura, Pilar Neira, informou os alí presentes de que o programa electoral co que concorren os nacionalistas ás eleccións “contén un apartado específico de actuacións en cada un dos barrios, aldeas e lugares da nosa cidade”.
“A primeira das propostas para a Sagrada Familia ten a ver coa mobilidade e co transporte. Trátase de facilitar a accesibilidade e a mellorar a comunicación en transporte público cos servizos sociais e servizos cívicos do barrio, achegándoos a Sagrada Familia, Mallos, Falperra e Vioño. E non só iso, senón que tamén figura no noso programa a mellora da situación do aparcamento no barrio, coa creación doutro tipo de infraestruturas –aparcamentos en superficie– e coa optimización das prazas libres nos aparcamentos da Rolda de Outeiro”, sinalou Carril.
O BNG leva no programa a rehabilitación urbana e a humanización dos Mallos e da Falperra
O candidato nacionalista, que definiu o BNG como a única forza de esquerdas fronte ao PP e ao PSOE na cidade da Coruña, centrouse a continuación na rexeneración urbana do barrio, “sempre coa finalidade de lograr que sexa un lugar máis cómodo e máis humano para vivir”. “Por iso, apostamos pola proposta da rehabilitación urbana e da humanización dos Mallos e da Falperra con dotación de xardíns e zonas verdes”, afirmou. “Máis espazos públicos para as nosas persoas maiores e para os nosos rapaces”, engadiu.
O terceiro apartado de propostas que expuxo Carril foi o relativo á mellora das actividades que se lles ofrecen ás persoas deste barrio desde o Centro Cívico da Sagrada Familia, “apoiando economicamente as asociacións e entidades sociais do barrio, tales como, por exemplo, o Centro Social da Sagrada Familia”. “Polo tanto, hai que aumentar a oferta de actividades e das prazas que se ofertan desde o Centro Cívico con participación das asociacións do barrio”, propuxo.
Tamén aludiu o candidato do BNG ás instalacións dos centros educativos públicos do barrio, “que deberían poder ser empregados tamén pola veciñanza”. “Por iso, somos partidarios de que se potencie o uso colectivo dos centros educativos públicos para a realización de actividades das veciñas e dos veciños que lle dean vida ao barrio”, apuntou.
Carril: “O BNG apoiará o pequeno e mediano comercio e a hostalaría do barrio”
Ademais, Carril centrouse na “propia vida e dinamismo do barrio da Sagrada Familia, algo que ten a ver co pequeno e mediano comercio e coa hostalaría do barrio”. “Fronte ás grandes areas comerciais que acaban cos nosos barrios, o BNG aposta por apoiar e promover o comercio e a hostalaría do barrio con actuacións que inciden na venda e no consumo”, sinalou Carril.
“Obviamente, o noso-voso programa ten máis actuacións que inciden directamente sobre as vosas vidas, tamén aquí no voso barrio, máis de mil actuacións para a creación de emprego e para a defensa dos servizos públicos”, lembrou o candidato nacionalista. Carril engadiu que o proxecto que defende o BNG “está feito sobre a base de que o Concello da Coruña pode ser motor de desenvolvemento económico e social da nosa cidade, apostando polo porto, a nosa industria e os nosos polígonos industriais, a Universidade, a pesca”. Tamén se referiu ao tren de cercanías como medio de transporte para viaxar pola comarca, pola integración do noso Concello no Consorcio das Mariñas e pola constitución da Área Metropolitana para garantir uns servizos públicos de calidade.
“E queremos facer todo isto sempre coa participación de todas e de todos vós, e de toda a cidadanía”, concluíu Carril para pedirlles o voto a “todas as persoas que se sintan galegas e de esquerdas”. “Porque en Galiza, nacionalismo e esquerda son sinónimos e porque en Galiza a esquerda real, unha esquerda que loita polos dereitos sociais, é o Bloque Nacionalista Galego”.
Bravo critica as vellas receitas do PP e do PSOE para saír da crise
Pola outra banda, a número dous e actual concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, centrouse na crise económica e lembrou que o BNG “aposta por un modelo económico baseado nos sectores produtivos da Coruña, por un modelo alternativo ao modelo do neoliberalismo que trouxo esta crise e que tanto apoian o PP e o PSOE”.
“Para ser ricos e fortes, non hai outro camiño que ser cada día máis galegos”, sinalou Bravo, en alusión a Otero Pedrayo. A actual edil de Cultura apelou así á “intelixencia colectiva do país”. “Para desenvolver o noso proxecto, o BNG quere contar cos homes e mulleres comprometidos coa lingua, coa cultura, coa defensa do emprego”. “Vós sodes para o BNG o valor máis prezado”, salientou ante o público. “Só poderemos vencer e convencer, só poderemos gañar a batalla máis importante, a batalla das ideas, se contamos co impulso de cada home e de cada muller, coz forza de todo un pobo, que desexa que A Coruña avance”, concluíu.