Carril: “As persoas que se sintan galegas e de esquerdas só teñen un voto útil o 22 de maio: o BNG”
A Coruña, 6 de maio de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego deu o pistoletazo de saída cara ás eleccións municipais do día 22. E fíxoo cunha pegada de cartaces virtual, na que o propio candidato do BNG á Alcaldía, Xosé Manuel Carril, subiu ás súas redes sociais e páxinas webs dos nacionalistas o cartel electoral, como un xeito áxil de chegar á veciñanza. Entre os asistentes, atopábanse todos os membros da candidatura do BNG e o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, ou a deputada no Parlamento de Galiza, Ana Luísa Bouza, ademais doutros militantes e simpatizantes. Non faltou música nin fotografías na noite de apertura de campaña, que se desenvolveu na Praza da Fariña nun ambiente festivo.
No acto, que contou coas intervencións de María Xosé Bravo e Xan Caxigal, Carril comezou sinalando que “é o momento da alternativa”. “E é que o Bloque Nacionalista Galega é a única forza galega de esquerdas fronte ás políticas de dereitas do PP e do PSOE, preocupados pola gran banca e non pola solvencia das persoas”, afirmou.
O candidato nacionalista salientou que “foi o BNG quen marcou o punto de inflexión e un cambio real nas políticas municipais do noso concello, foi o BNG quen dixo que a reforma laboral ía crear maior precariedade e pobreza nas persoas que traballan, e máis desemprego, como está a pasar, a diferenza do PSOE e do PP, que a valoraron positivamente”. “Foi o BNG o único que defendeu o sistema de aforro galego das nosas caixas, fronte ao modelo de bancarización do PSOE e do PP. É o BNG quen sostén que a Reforma da Seguridade Social do PSOE e do PP vai rematar co noso sistema público de pensións”. “E podería seguir citando máis exemplos, que demostran que o BNG é a única forza política que está coas persoas que padecen a crise económica e que padecen as receitas do PP e do PSOE para superala”, destacou.
“Só o BNG pode garantir un modelo de actuación en que as persoas sexan o primeiro”
Neste contexto, Carril postulou o BNG como a “única forza que pode garantir outro modelo de actuación en que as persoas sexan o primeiro, tamén nos nosos barrios, na nosa cidade e na nosa comarca”.
A continuación, Carril lembrou que a candidatura do BNG se presenta cun programa electoral feito pola cidadanía, polas asociacións de veciños e polos movementos sociais. “É o programa da Coruña como cidade galega, de barrios, metropolitana e sustentábel. É o programa de todas e todos nós para saírmos con xustiza social da crise. Un programa que xa está a disposición da nosa veciñanza para que vexa como as súas propostas están recollidas tal e como nolas formularon. Un programa feito con e para a veciñanza, que conta con máis de mil actuacións a executar desde os propios barrios”, explicou.
A Coruña, cidade de barrios
O cabeza de lista do BNG puxo en valor A Coruña como cidade de barrios, porque “os nosos barrios son espazos esenciais para iniciar dinámicas de transformación social do noso modelo de cidade. E porque son espazos que lle dan vida á nosa cidade tamén co seu pequeno e mediano comercio fronte ao modelo das grandes áreas comerciais”, aludiu, en apoio a un sector que o BNG considera estratéxico. “E na idea de que A Coruña siga a ser unha cidade de barrios por iso estamos hoxe aquí, na Praza da Fariña, no barrio da Cidade Vella, coa súa veciñanza, que tamén traballou connosco na elaboración do programa electoral”.
Ademais, Carril subliñou A Coruña como cidade galega, “porque a súa realidade é netamente galega”. “E tamén é unha cidade metropolitana e sustentábel, porque en época de crise, máis que nunca, os localismos non teñen sentido”. “Temos que actuar conxuntamente cos concellos da nosa comarca e da nosa área metropolitana para garantir servizos sociais públicos de calidade, xerar emprego e rematar coas desigualdades sociais provocadas polo neoliberalismo que trouxo esta crise”, apuntou.
Carril finalizou apelando á participación da cidadanía. “A mesma participación que tivemos na elaboración do programa querémola ter agora para que o BNG sexa alternativa e para garantirmos o futuro da Coruña”, sinalou. “Por todo iso, as persoas que se sentan galegas e de esquerdas só teñen un voto útil o 22 de maio: o Bloque Nacionalista Galego. Porque en Galiza, nacionalismo e esquerda son sinónimos e porque en Galiza a esquerda real, unha esquerda que loita polos dereitos sociais, é o Bloque Nacionalista Galego”, concluíu Carril pedindo o voto para o BNG. Co seu “Saúde, Terra e Mar”, finalizou o discurso de apertura de campaña.
Axenda para mañá
Os nacionalistas percorrerán mañá a zona da Sagrada Familia e o Parque de Vioño en repartos de material de campaña durante a mañá e a tarde. E, a partir das 20 horas, celebran un mitin na Sagrada Familia (Travesía Nosa Señora de Fátima, na Pista Polideportiva). Intervirán: Xosé Manuel Carril, María Xosé Bravo e Pilar Neira.