Carril insta a Guerra a deixarse de “foguetes de artificio” e a poñerse a traballar en defensa do pequeno comercio

A Coruña, 4 de maio de 2011.- O candidato do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía, Xosé Manuel Carril, lamenta “as diferenzas que parecen existir na Xunta de Galiza á hora de defender o pequeno e mediano comercio da Coruña”. Así, Carril apunta que “mentres a conselleira de Traballo, a coruñesa Beatriz Mato, asina todos os día ERE e aplaude a instalación de grandes centros, Javier Guerra sorpréndenos coa súa suposta intención de apoiar o comercio”. Carril engade que a conselleira Beatriz Mato “é a responsábel de que a comarca da Coruña conte co maior número de ERE do país sen que lle trema a man a hora de asinalos”. Nesta liña, o nacionalista prognostica que “aínda máis ERE vai asinar no comercio coruñés pola grande área comercial que vén de inaugurar”.

O cabeza de lista do BNG afirma que “fica en evidencia a falta de compromiso do PP na defensa do pequeno e mediano comercio, xa que non se pode estar a promover desde a Consellaría de Emprego os centros comerciais e dicir desde a Consellaría de Industria que se van artellar propostas de axuda para o pequeno comercio”. “As grandes superficies non son compatíbeis co pequeno e mediano comercio”, salienta Carril, quen di que “ou se está a favor do pequeno e mediano comercio ou se está a favor dos grandes centros comerciais”.

“O PP apoiou tanto desde a Xunta como desde a Corporación Municipal o modelo de cidade que Guerra di rexeitar”

Ademais, Carril apuntou que “todo este modelo de cidade que o conselleiro Guerra criticou onte gozou do seguidismo do PP tanto desde a Xunta como desde a Corporación Municipal da Coruña”. Nesta liña, Carril lembra que o BNG  aposta pola industrialización da comarca, que tamén é un xeito de reforzar o tecido comercial coruñés.

Pola outra banda, o candidato nacionalista lembra que o PP “eliminou desde a Xunta as axudas que a Consellaría de Industria do bipartito outorgara para mellores urbanas nos sectores comerciais da cidade”. Nesta liña, Carril insta a Guerra a “deixarse de foguetes de artificio na véspera da campaña e a que comece a traballar para pór en marcha as axudas necesarias para o comercio da Coruña”. Urxe ademais o conselleiro a “deixar de desmantelar as medidas favorecedoras aos autónomos e comerciantes que a anterior Consellaría de Industria desenvolvera co apoio das asociacións de comerciantes da cidade”.

“Tamén Negreira apoiou a Lei do Comercio que lle dá barra libre ás grandes áreas”

Pola outra banda, Carril sinala que “se o señor Guerra quixer apoiar o pequeno e mediano comercio tería aprobada a norma do comercio que desenvolveu o BNG desde a Xunta e que protexía o comercio tradicional en vez de impulsar unha Lei do Comercio feita ao ditado das grandes superficies e que dá barra libre ao estabelecemento de centros comerciais”. Carril engade que “Negreira tamén votou esta lei que prexudica o pequeno e mediano comercio”.

Carril tamén alude aos usos do Parrote “o PP non revela o proxecto para o Parrote porque non lle interesa que se coñeza neste momento porque sabe que lle vai prexudicar”. O nacionalista prevé que o proxecto non vai estar en consonancia co que pedían os veciños, co que defende o BNG nin coa posta en valor do baluarte. Carril rexeita “todo o que teña a ver con usos comerciais e terciarios” para a zona.

ACTUACIÓNS SALIENTÁBEIS DO PROGRAMA DO BNG EN MATERIA DE EMREGO

Participación do pequeno e mediano comercio nas políticas municipais
 
- Dado o seu carácter transversal, consulta previa preceptiva por parte do Concello da Coruña no deseño e na execución de todas aquelas actuacións e intervencións municipais en que estea implicada a actividade do pequeno e mediano comercio.
- Integrar o pequeno e mediado comercio como actividade estratéxica a  protexer e a dinamizar nun plano de urbanismo e de mobilidade sustentábel.
- Poñer en marcha un Plano integral de apoio ao pequeno e mediano comercio atendendo a súa realidade en cada barrio da nosa cidade.
 
Promoción da venda no pequeno e mediano comercio
 
- Desenvolver unha normativa de baixos comerciais (complexizadora e heteroxénea) orientada á busca da rexeneración do pequeno e do mediano comercio dos barrios en que se atopa.  
- Elaborar unha listaxe de baixos comercias, incluíndo os baleiros e en desuso, para a súa oferta en réxime de aluguer controlado, de modo que permita a revitalización das actividades do pequeno e do mediano comercio.
- Incentivar ás persoas propietarias dos baixos comerciais para que oferten os mesmos en réxime de aluguer accesíbel e gravar ás persoas propietarias de baixos comerciais que permitan o deterioro e abandono das súas propiedades, sempre coa finalidade de favorecer a súa posta en valor e uso por parte do pequeno e do mediano comercio como medio para acadar a revitalización das súas actividades.  
- Realizar políticas de bonificacións e exencións fiscais municipais nas actividades do pequeno e do mediano comercio.
- Realizar programas de formación, apoio, reforzo e dotación de medios ao pequeno e mediano comercio.
- Elaborar unha listaxe de establecementos comerciais de arraigada tradición na nosa cidade de cara a súa protección integral e posta en valor.
- Apoiar, promover e defender todas aquelas iniciativas do pequeno e do mediano comercio que incidan en iniciativas da venda de produtos de consumo responsábel.
 
Promoción do consumo no pequeno e no mediano comercio como opción responsábel
 
- Realizar campañas municipais dirixidas á compra no pequeno e no mediano comercio como opción de consumo responsábel que garante, mediante o tecido das redes da economía doméstica e dos mercados locais da pequena produción e consumo, a vitalidade dos barrios e dos espazos públicos tradicionais da nosa cidade.  
- Elaborar un plano municipal de consumo no pequeno e no mediano comercio atendendo á realidade de cada barrio, que facilite e faga cómoda a compra nos seus establecementos con incentivos ás persoas que consuman en establecementos comerciais desta natureza tales como servizos de canguros en zonas concretas, rebaixas no prezo polo uso do transporte público e nos aparcadoiros privados e sorteos periódicos de premios, entre outros moitos.
- Intervencións municipais con apoio dos sectores implicados que permitan estreitar directamente o consumo nos establecementos do pequeno e do mediano comercio co consumo nos establecementos da hostalaría dos nosos barrios e co turismo da nosa cidade.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]