Valencia: “As políticas de Mocidade serán transversais para facilitar o acceso á vivenda e para promover o emprego entre a xente nova”

A Coruña, 4 de maio de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá as principais propostas en materia de Mocidade. En rolda de prensa, Ermitas Valencia, actual concelleira de Mocidade e número tres da candidatura, xunto con Avia González e Águeda Rei, candidatas e membros de Galiza Nova, sinalou que “a opinión da mocidade e as súas necesidades obxectivas deben definir os contidos de política social no Concello”. Valencia centrouse no eido do emprego, xa que “a crise porfía aínda máis na mocidade, que vive unha situación de inestabilidade, precariedade e incerteza”.

Neste contexto, a concelleira nacionalista apuntou que o BNG “daralle resposta á mocidade a través de programas e actuacións interdepartamentais aos problemas de emprego, vivenda e formación desde unha óptica xuvenil e desde unha relación próxima”. Valencia apostou así por crear un servizo de información, orientación e asesoramento laboral no CMIX en coordinación co Servizo Municipal de Emprego, por reforzar o servizo de vivenda do CMIX, e por reservar o 30 por cento da vivenda de protección para os menores de 30 anos.

Valencia tamén avogou pola creación, apoio e mantemento do emprego autónomo ou en cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais, por continuar a potenciar a formación para o emprego dirixido a mozos e mozas desocupados e ás persoas demandantes do primeiro emprego sen titulación a través do CMIX, ou por continuar a potenciar os servizos de acollida, información e orientación socio-laboral.

A actual concelleira de Mocidade salientou que o BNG recolle no programa a creación de sementeiras de empresas mediante a oferta municipal de locais axeitados, de baixa renda, por un tempo determinado, ou a aposta pola creación de emprego para os mozos e mozas nos servizos públicos locais, situándoo en niveis similares á media europea.

Valencia tamén propuxo o reforzamento do asesoramento legal e económico e a titorización á hora de que os mozos e mozas poñan en marcha un plan empresarial, así como o incremento das axudas na tramitación da constitución das empresas e as exencións fiscais no inicio da actividade; a potenciación da relación entre os viveiros de empresas que operan na Coruña aproveitando o solo industrial da cidade ou o estabelecemento de contratos programa para o desenvolvemento de actividade, con axudas condicionadas a unha serie de obxectivos que deberán cubrir as empresas dos mozos e mozas empresarias.

O BNG aposta pola participación da mocidade no deseño dos plans de lecer

Pola súa banda, Águeda Rei insistiu na necesidade de integrar a mocidade na política municipal e de fomentar a súa participación. Despois de salientar o labor da Concellaría de Mocidade da que é responsábel Ermitas Valencia, Rei apostou por seguir avanzando nesa liña, por difundir programas europeos vinculados coa mobilidade e por contar cun albergue xuvenil públicos.

A candidata e membro de Galiza Nova puxo de manifesto que o programa do BNG recolle a apertura das salas de estudo en horario ampliado durante a época de exames, un bono bus estudantil universal para estudantes de secundaria, formación profesional e universidade, promover o transporte non motorizado entre a xente nova ou axeitar espazos públicos para deportes urbanos, como unha skate place.

Ademais, Avia González explicou propostas do BNG como a oferta de obradoiros para introducir os mozos e mozas en disciplinas artísticas e culturais, para o que puxo como exemplo os locais de ensaio, a elaboración dun censo de creadores xuvenís ou a difusión da creación artística xuvenil promovendo espazos expositivos.

A número sete da lista do BNG avogou tamén por crear un prezo xuvenil para que os mozos e mozas asistan aos museos, teatros, festivais e demais actos relacionados coa cultura, por apoiar o asociacionismo non formal e por promover e apoiar as manifestacións culturais e artísticas tradicionais de cultura galega na que estean implicados os mozos e as mozas.

O BNG celebra este sábado a Festa da Mocidade

Pola outra banda, o Bloque Nacionalista Galego informa de que este sábado presentará o seu programa electoral xuvenil a partir das 17 horas no CEIP Curros Enríquez e no Campo de Marte na que será a Festa da Mocidade.

Haberá campionatos de baloncesto e fútbol, skate, grafitties, proxeccións e música, entre outras actividades. O acto contará coas intervencións de Avia González, Ermitas Valencia e Xosé Manuel Carril.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]