Bravo: “Todo o peso das actividades extraescolares non pode reacer sobre os pais e nais”

A Coruña, 3 de maio de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego presentoulle á Federación de Anpas as súas propostas en materia de ensino, entre as que precisamente tamén se atopan as suxestións que a Directiva do órgano que representa as Anpas lle trasladou á candidatura do BNG nunha reunión de traballo que mantiveron de cara á elaboración do programa.

No acto de hoxe, María Xosé Bravo, candidata e concelleira de Cultura, e Suso Bermello, candidato e secretario de Organización de CIG-Ensino, sinaláronlles aos pais e nais que o BNG “deseñará un plano de mellora do sistema educativo na cidade, en coordinación cos todos os sectores da comunidade educativa e coa Xunta de Galiza”. “Este Plano será o guieiro da actuación política do goberno municipal durante toda a lexislatura”, explicaron.

Bravo e Bermello apuntaron tamén que os nacionalistas abrirán os centros fóra do horario escolar para uso das institucións por parte dos veciños e veciñas e insistirán en delimitar claramente as competencias das Administracións na programación das actividades extraescolares que axuden na conciliación familiar e laboral. “Todo o peso da organización e da posta en marcha destas actividades non pode recaer nos pais e nais”, apuntou a edil nacionalista.

Ademais, o BNG contén no programa a elaboración dun plano de eliminación de obstáculos que impidan a mobilidade, o acceso e a evacuación dos centros de ensino. “Na planificación e nas intervencións urbanísticas e de mobilidade urbana do concello, teremos en conta espazos para roteiros escolares que garantan, na medida do posible, o aceso do alumnado aos centros de ensino a pé”, afirmou Bermello.
 
Unha maior oferta educativa

O BNG aposta tamén no programa por ampliar a oferta educativa, priorizando os sectores con máis carencias na actualidade: escolas infantís públicas de 0-3 anos e negociar coa Xunta de Galiza o deseño dunha rede única, co obxectivo de equiparar a oferta educativa e atender a forte demanda neste tramo educativo; negociar a ampliación da rede pública de centros de infantil e primaria ou ampliar a oferta de Bacharelato e de Formación Profesional, con aumento da oferta de ciclos formativos.

Ademais, os nacionalistas explicáronlles aos pais e nais que o BNG potenciará a formación ocupacional e continua, con programas específicos adaptados ás necesidades do tecido produtivo da comarca da Coruña; coordinará cos sectores implicados a mellora da oferta dos programas de cualificación profesional inicial; negociará a ampliación das ensinanzas artísticas na cidade, co incremento da oferta de ciclos superiores de Artes, maior oferta de especialidades nos conservatorios dependentes da Xunta e mellora da oferta e da política de prezos da Escola Municipal de Música; e potenciará a oferta de idiomas con especial atención á Escola Oficial de Idiomas e a un mellor aproveitamento da rede de centros docentes.  

Apoio social á Educación

Bravo e Bermello sinalaron que o BNG aposta por realizar un programa de apoio á escolarización e de educación compensatoria para colectivos desfavorecidos, por un plano de loita contra o fracaso escolar na educación obrigatoria, coa posta en marcha dun programa de apoio en coordinación cos centros educativos, por un programa de bolsas municipais de axuda para a xente máis desfavorecida (material escolar, transporte, comedor, actividades extraescolares…) e por un programa municipal de actividades extraescolares nos centros educativos en colaboración coas asociacións de pais e nais.

Tamén recolle o BNG realizar programas de actuación educativa para colectivos específicos: adultos, inmigrantes, pais e nais e por negociar o aumento da oferta educativa e asistencial para persoas discapacitadas.
 
Mellora dos recursos educativos

Ademais, os candidatos do BNG afirman que realizarán un programa de mellora dos centros públicos de todos os niveis educativos, con especial atención ás novas necesidades formativas e de prestación de servizos socioeducativos (bibliotecas escolares, zonas deportivas, comedores…), apoiarán e dotarán os centros de material didáctico e de recursos educativos centrados na realidade social e cultural da Coruña e do conxunto de Galiza e levarán a cabo acordos de colaboración con institucións privadas e administracións públicas, nomeadamente coa Universidade, para impulsar a oferta educativa e o aproveitamento dos recursos materiais e humanos en beneficio de toda a cidadanía.

Por último, Bravo e Bermello puxeron de manifesto que o BNG leva no programa a recuperación da concesión da Escola Municipal de Música e xestionala de xeito directo, a redefinición do proxecto educativo da Escola Municipal de Música (facendo fincapé na recuperación do noso patrimonio musical con programas de formación en música e instrumentos galegos) ou a dotación de máis medios para a Escola Municipal de Música para diversificar a oferta educativa e estender as funcións da escola coa programación de concursos, certames, concertos e mostras que proxecte a aprendizaxe do alumnado desta escola.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]