Carril: “Mentres PSOE e PP se preocupan pola solvencia dos bancos, o BNG preocúpase pola solvencia das persoas”

A Coruña, 1 de maio de 2011.- O candidato do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía da Coruña, Xosé Manuel Carril, participou esta mañá na manifestación coa que a CIG conmemora o 1 de maio. Entre os nacionalistas atopábanse tamén os membros da candidatura e concelleiros, María Xosé Bravo, Ermitas Valencia e Xan Caxigal, e os portavoces do BNG no Congreso e no Parlamento galego, Francisco Jorquera e Carlos Aymerich, respectivamente. Tamén participaron na mobilización a responsábel comarcal do BNG e candidata en Arteixo, Silvia Seixas, así como outros cabezas de lista da comarca.

En declaracións aos medios, Carril sinalou que “a celebración do Día Internacional da Clase Traballadora coincide lamentabelmente cun incremento brutal do paro, que en Galiza duplica a media estatal”. Carril falou dun “novo récord de desemprego, en España e en Galiza, causado polas políticas neoliberais do PSOE e do PP alí onde Gobernan”. E falou dun “novo récord que evidencia o que xa no seu día dixo o nacionalismo galego: o recorte dos dereitos das persoas que traballan con reformas laborais regresivas non crea emprego”.

O cabeza de lista do BNG apuntou que “a prioridade non pode estar no déficit, senón na loita contra o paro”. “A prioridade non pode ser presentar cifras macroeconómicas inmaculadas e sacrificar a destrución de miles de postos de traballo”, engadiu.

Carril explica a alternativa que defende o BNG

“O BNG entende que a alternativa está na reforma do sistema financeiro (para que volva fluír o crédito á economía produtiva, para que paguen máis quen máis ten e para que teña máis protagonismo o sector público na reactivación da economía) e no reforzo do autogoberno e no seu exercicio real (para promover os nosos sectores produtivos”, explicou Carril.

O candidato nacionalista advertiu tamén que a alternativa pasa por un novo modelo da administración local galega “co fin de garantir o financiamento dos concellos, para promover as comarcas e as áreas metropolitanas suprimindo as deputacións e para defender o tecido produtivo local, e sinaladamente o pequeno e mediano comercio fronte á proliferación de grandes áreas comerciais”.

“Esta alternativa é a que defende o BNG, tamén para estas eleccións municipais o BNG é a única alternativa de que non haxa políticas de dereitas no Concello da Coruña e a única alternativa ao modelo neoliberal do PSOE e do PP”, salientou.

“Porque o BNG representa democracia fronte a mercados descontrolados. E porque o BNG se preocupa da solvencia das persoas, a diferenza do PSOE e do PP, que se preocupan da solvencia dos bancos”, concluíu Carril.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]