O BNG presenta desde o mar a súa candidatura como o garante da defensa do emprego digno e dos servizos públicos

A Coruña, 30 de abril de 2011.- A buguina do barco soou e os máis de trinta membros da candidatura coa que o Bloque Nacionalista Galego se presenta ás eleccións municipais iniciaron unha travesía que leva por bandeira o proxecto do BNG como forza política diferente e con perfil propio. Acompañado dos acordes da gaita e do tambor e nunha contorna mariñeira, o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña dirixiuse aos presentes para dicirlles que “aquí é onde estamos e sen complexo para explicarmos o noso discurso nacionalista”. “Tíñao moi claro un galego da Coruña chamado Víctor Casas, cando afirmaba que non hai outro camiño que o do nacionalismo... sen ocultacións”, sinalou Carril, “ou cando afirmaba que o nacionalismo é unha loita de defensa e debe ser forte... con todo o entusiasmo e a calor de toda acción popular e redentora”.

E entusiasmo e calor non faltaron entre todos os militantes e simpatizantes que compartiron con Carril e con toda a candidatura a posta de longo do nacionalismo na Coruña. Unha candidatura que elixiu o mar como eixo central da presentación. E é que o cabeza de lista do BNG subliñou que “cómpre falar da cidade da Coruña desde o mar, porque A Coruña, que naceu do mar, é unha cidade fundamentalmente mariñeira, na que ao longo da historia o mar sempre foi o seu motor de crecemento”. Neste contexto, lembrou que o nacionalismo “sempre se preocupou por defender todo o relacionado co mar e co porto como actividade económica e social que xera riqueza”.

Carril apostou por que desde o Concello da Coruña “haxa políticas reais de potenciación, apoio, defensa e promoción das actividades de pesca, marisqueo, percebe e baixura”. Tamén reivindicou Carril no seu discurso unha mobilidade alternativa, unha mobilidade baseada na defensa do transporte colectivo. E hoxe o BNG demostrou que tamén o transporte marítimo é unha alternativa ao uso excesivo do vehículo privado.

O BNG “como forza de base popular ao servizo das maiorías sociais”

O cabeza de lista do BNG sinalou que “é unha honra encabezar a candidatura”, que lembrou que “foi elixida nun proceso democrático do que outras forzas políticas non poden presumir”. Carril salientou que se trata dunha candidatura “formada por persoas cuxa dilatada traxectoria de traballo nos distintos ámbitos do nacionalismo galego avala con firmeza a súa capacidade política e de xestión”.

Carril engadiu que a candidatura “quere demostrar que a organización e a base militante son imprescindíbeis para o BNG como forza política de base popular e ao servizo das maiorías sociais na cidade da Coruña”.

Carril reivindica o BNG como única alternativa ás políticas dereitas na CoruñaO cabeza de lista sinalou que “o BNG é a única alternativa e é o garante de que outras políticas son posíbeis na Coruña e na comarca”. “Porque o BNG é unha forza política diferente. Fronte ao mesmo proxecto do PP e do PSOE para saírmos da crise, nós defendemos un proxecto político e económico alternativo, un proxecto baseado na intervención pública na economía para incentivar o traballo produtivo, un proxecto baseado na defensa do emprego digno e dos servizos sociais públicos para corrixirmos as desigualdades sociais”.

Carril advertiu de que “están en xogo o benestar social e o dereito a termos unhas pensións dignas”. E reivindicou o afortalamento do noso autogoberno para aplicar solucións acaídas á nosa realidade e a capacidade dos concellos para se erixiren como axentes activos para saír da crise con xustiza social.

“Somos a alternativa ás políticas de dereitas do PP e do PSOE”

O cabeza de lista do BNG na Coruña destacou, rodeado de toda a candidatura e arroupado polos candidatos e concelleiros María Xosé Bravo, Ermitas Valencia e Xan Caxigal e do portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Carlos Aymerich, que “somos unha forza política diferente e con perfil propio e somos a única forza política na Coruña que garante que non haxa políticas de dereitas”.

Carril erixiu o BNG como “única alternativa ás políticas de dereitas do PP e do PSOE”. O cabeza de lista apelou aos e as nacionalistas a “avanzar e avanzar sempre, todo canto nos sexa posíbel” antes de despedirse co seu “Saúde, terra e mar”.

Bravo reivindica a “Coruña da igualdade verdadeira entre homes e mulleres”

Pola súa banda, a número dous do BNG na Coruña e actual concelleira de Cultura apelou a todas as mulleres que teceron a historia na Coruña, como “Xoana de Vega, María Miramontes, Elvira Bao... as mulleres do mar, as vendedoras de peixe, as redeiras, as mariscadoras, as cigarreiras...”, “nunca Coruña que nós reivindicamos, a da igualdade verdadeira entre homes e mulleres”.

Bravo tamén subliñou a defensa do benestar como un dos piares do proxecto nacionalista e apelou a toda a cidadanía a confiar no BNG. A número dous da candidatura lembrou todo o labor do nacionalismo galego no Congreso dos Deputados a prol do noso benestar porque só o BNG “decide aquí e para a xente de aquí”. Bravo finalizou a súa intervención apelando á Celso Emilio Ferreiro: “nunca virá de fóra remedio ou esperanza”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]