Carril: “O BNG preséntase con este programa como a única forza que vai garantir que non haxa políticas de dereitas no Concello da Coruña”
A Coruña, 29 de abril de 2011.- A candidatura do Bloque Nacionalista Galego da Coruña vén de facer público o programa co que concorre ás eleccións municipais. No almorzo informativo celebrado esta mañá, e no que participaron as persoas que ocupan os catro primeiros postos da lista –Xosé Manuel Carril, María Xosé Bravo, Ermitas Valencia e Xan Caxigal–, o candidato á Alcaldía salientou ante os xornalistas que o programa do BNG “é o programa da cidadanía e dos movementos sociais, o programa da boa veciñanza”, dixo aludindo ao traballo da recolleita no campo. “Así traballa o BNG, de xeito colectivo”, puxo de manifesto.
Carril explicou que o programa electoral se sustenta en catro piares, “A Coruña como cidade galega, de barrios, metropolitana e sustentábel”, “con este modelo de cidade lograremos que A Coruña sexa motor de desenvolvemento económico e social, defendendo o emprego e os servizos sociais públicos, co obxectivo de rematarmos coas desigualdades sociais”.
O cabeza de lista do BNG explicou que o programa está concibido para que “o Concello da Coruña sexa tamén motor de creación de emprego”. No que ten a ver coa creación de postos de traballo, Carril sinalou que o BNG recolle actuacións do programa para fomentar o emprego desde a propia Administración local, o tecido produtivo local, a ordenación por parte do concello das actividades económicas, o emprego verde, os polígonos industriais, o pequeno e mediano comercio, a universidade ou o mar.
“O BNG preséntase con este programa como a única forza da Coruña que vai garantir que non haxa políticas de dereitas no noso concello”, subliñou Carril. O candidato nacionalista afirmou que “o BNG é a única alternativa ás políticas de dereitas do PSOE e do PP na cidade, na comarca e no país”.
Bravo: “O benestar é un alicerce básico do proxecto político do BNG”
Pola súa banda, a actual concelleira de Cultura e número dous da candidatura, María Xosé Bravo, revelou que o benestar “é un dos alicerces sobre os que se asenta o programa, e máis dadas as taxas terríbeis de desemprego que sufrimos e que lle afectan, nomeadamente, ás mulleres e aos colectivos excluídos”. Ademais de citar o Plan de Integral de Inclusión Social que recolle o BNG no programa, Bravo aludiu a aposta dos nacionalistas polo ensino, cunha rede única de escolas infantís de 0 a 3 anos ou coa proposta de empregar as infraestruturas dos centros de ensino fóra do horario escolar por parte da cidadanía.
Bravo tamén se referiu á inserción laboral da muller con medidas de discriminación positiva que impulsará o BNG, para logo se centrar no carácter galego da nosa cidade. “Cómpre coñecermos a nosa historia, a sentirnos orgullosos e orgullosas dela”, apuntou. “E o carácter galego da Coruña debe ser o piar sobre o que o BNG quere construír o futuro da cidade”, engadiu. Finalmente, a candidata nacionalista lembrou o éxito da Feira do Libro da Coruña ou do Achegarte.
Caxigal: “O BNG aposta por un Goberno aberto”
O edil de Deportes e número catro, Xan Caxigal, debullou a aposta do BNG “por un Goberno aberto á cidadanía” co incremento da participación, a través de cuestións como “a modernización da Administración local, con ferramentas tecnolóxicas, áxil e transparente, a Administración electrónica ou ou achegamento da Administración aos veciños e veciñas”.
Entre outras, Caxigal subliñou a proposta dos orzamentos participativos que impulsará o BNG, ao igual que a retransmisión en directo dos Plenos municipais desde a páxina web do Concello.
Ademais de anunciar a creación dun Instituto Municipal da Vivenda e dun rexistro de vivendas baleiras, xunto a avances na rexeneración urbana, Caxigal citou algunha das propostas en materia de deportes. “Ampliaremos todo o conxunto de actividades físicas en relación coa saúde”, apuntou. A Fundación do Deporte Local ou o Consello Municipal do Deporte foron outras das actuacións que abordou Caxigal.
Valencia: “Somos moi transparentes, non temos nada que ocultar, por iso colgaremos o noso programa nas diversas webs”
Por último, Ermitas Valencia, concelleira de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística, e número tres da candidatura, sinalou que o BNG “é o garante dunha cidade moderna e de que a caspa sexa histórica”. Ademais de aludir á potencialidade dos mozos e mozas como protagonistas sociais da cidade, Valencia salientou que “o BNG non se presenta cun programa de foguetes de artificio, presentámonos cun programa que recolle máis de mil actuacións factíbeis”.
A edil nacionalista explicou que a proposta coa que os nacionalistas concorren ás eleccións “inclúe actuacións específicas en 24 barrios da cidade que derivan dun traballo inxente da candidatura ao longo das centos de reunións que mantivemos desde agosto”.
Valencia avanzou que no acto no que o BNG presenta o programa publicamente esta tarde, os nacionalistas contarán con militantes “ciberbloqueir@s” que retransmitirán o evento a través das redes sociais, cun espazo habilitado no salón de actos para eles e elas.
A concelleira do BNG concluíu advertindo que os nacionalistas “non temos nada que ocultar, por iso colgaremos nas nosas webs –www.bng-galiza.org/cidadedeacorunha e www.sondebarrio.com– o programa”. “É un xeito de demostrarmos como imos gobernar, con total transparencia”, finalizou Valencia.