O BNG defende que “o importante non son os terreos da Fábrica de Armas, senón asegurar a actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo”

A Coruña, 28 de abril de 2011.- O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Francisco Jorquera, e os membros da candidatura María Xosé Bravo, Ermitas Valencia e Xan Caxigal reuníronse esta mañá coa sección sindical da CIG da Fábrica de Armas, traballadores que lle expuxeron a situación da factoría, que conta con 200 postos de emprego.

Bravo reafirmou a postura do BNG en defensa da Fábrica de Armas e das 200 persoas que alí traballan. Así, remitiuse ao último acordo unánime ao que chegou o Parlamento de Galiza no 2005 feito a instancia do BNG. Bravo reivindicou o punto terceiro deste acordo no que se lle reclamaba ao Goberno español “que garanta a continuidade da Fábrica de Armas da Coruña na súa localización actual, cando menos en tanto non se presente en colaboración coa Xunta de Galiza un plano industrial de futuro sólido e fiábel que asegure a diversificación da produción e a achega de nova carga de traballo e en todo caso o mantemento do actual nivel de emprego”.

Valencia: “O PP unha vez máis ocúltalle á veciñanza o que quere facer”

Pola súa banda, Ermitas Valencia sinalou que “o peor que se lle pode facer á continuidade dos poucos postos de traballo industrial que fican na Coruña é comezar a día de hoxe a especular cos terreos”. “Medo nos dan as declaracións de onte de Negreira nas que aseguraba ter outros usos para os terreos de Santa Bárbara”, apuntou. “O PP unha vez máis ocúltalle á veciñanza o que quere facer, a falta da transparencia do PP fai que, unha vez máis, como no caso do Parrote, esconda as súas intencións, en lugar de explicarnos o seu programa”, engadiu. Valencia expuxo que “debe de ser que a maioría social non se vai sentir nin representada nin beneficiada coas ideas que o PP ten para a Fábrica de Armas”. “O BNG está polo emprego e por que a Fábrica de Armas manteña a súa actividade. Por suposto, o BNG non vai especular cos terreos”, engadiu.

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, salientou que para os nacionalistas “o importante non son os terreos da Fábrica de Armas, senón asegurar a actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo”. “Así, parécenos totalmente distorsionador introducir elementos de debates que poden actuar en contra deste obxectivo fundamental de manter a actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo”, afirmou.

“Cómpre apostar polo sector industrial, que é o máis resistente á crise”

Jorquera vencellou esta cuestión “con se sabemos sacar leccións da crise e co modelo de cidade co que apostamos”. “A crise demostra a necesidade de dispor dun sector industrial máis forte, máis distorsionado, con máis peso no PIB; porque o sector industrial é máis resistente á crise, así se revela en todos aqueles países que teñen un maior desenvolvemento industrial, que son máis resistentes á crise”, explicou. O portavoz do BNG no Congreso sinalou ademais que o sector industrial “crea empregos máis estábeis, de máis calidade nun momento no que a loita en contra do desemprego debe ser a prioridade”.

“E para A Coruña e súa comarca, apostamos por un modelo de cidade cun tecido industrial rico e diversificado, porque o seu futuro e o emprego depende diso”, apuntou.

“Hai que fuxir de proxectos megalomaníacos e faraónicos máis propios doutra época sobre que facer cos terreos de Santa Bárbara ignorando estas cuestións, xa que significa non entender nada das circunstancias q nos levaron á crise nin saber sacar leccións dela”, afirmou. “O BNG considera que o básico é asegurarmos un plan industrial que garanta o futuro da Fábrica de Armas e o futuro da carga de traballo, para o que presentaremos propostas no Congreso dos Deputados”, revelou.

“Non queremos outro Terra Mítica”

En resposta ás preguntas dos xornalistas, Jorquera sinalou que “os terreos onde se localiza a Fábrica de Armas pertence ao Ministerio de Defensa e Santa Barbara General Dynamics e calquera especulación sobre o seu furturo antes de que falen arrendatario e propietario é completamente contraproducente”. “O arrendataria ten un contrato por dez anos prorrogábel por cinco e non hai ningún dato obxectivo que indique que esa prórroga corra perigo”, explicou. “A propia Santa Barbara General Dynamics di nos seus informes que o seu proxecto industrial está vinculado a curto e medio prazo a súa continuidade na súa localización actual”, salientou.

Jorquera sinalou que “centrar os debates nun terreo é desenfocar o centro da cuestión: asegurar a carga de traballo e o emprego, que mesmo se podería ver ampliado”.

Tamén en resposta ás preguntas dos xornalistas, Jorquera destacou que “dado que se vai levar a cabo a segunda ampliación do hospital universitario unha grande infraestrutura hospitalaria a curto prazo non é o máis imprescindíbel” e que “en tempos de crise é máis importante apostar por unha actividade industrial que por un Terra Mítica 5, en pequeniño e na Coruña”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]