O BNG presenta o programa electoral que elaborou conxuntamente cos movementos sociais

A Coruña, 28 de abril de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego presenta publicamente mañá á tarde, ás 20.00 horas en Caixa Galicia de Ronda de Nelle, o programa co que concorre ás eleccións municipais de maio, un programa elaborado conxuntamente cos movementos sociais da cidade. As máis de mil actuacións que recolle o BNG foron resultado do traballo dos e das militantes nacionalistas e das reunións que a candidatura mantivo desde o mes de agosto con entidades veciñais, sociais, culturais, económicas, sindicais... de cada barrio da cidade. De aí que o candidato nacionalista á Alcaldía da Coruña, Xosé Manuel Carril, subliñe que o programa electoral do BNG “é o programa dos movementos sociais”.

Ademais da participación colectiva, Carril salienta o éxito da campaña a pé de rúa lanzada polos nacionalistas para a participación da veciñanza a título particular na elaboración do programa, con suxestións e propostas para os barrios tanto urbanos como rurais da cidade. O candidato do BNG insiste nun programa participativo “non só no que ten a ver coa elaboración do programa, tamén no que ten a ver coa súa execución, teñamos ou non responsabilidades no Goberno.

O acto, aberto a todos os veciños e veciñas, contará coas intervencións do propio Carril, do portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, e do coordinador do programa electoral, Raúl Fernández Iglesias, que debullarán as liñas programáticas, que se artellan ao redor de catro eixos: A Coruña como cidade galega, de barrios, metropolitana e sustentábel.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]