O BNG fará da cultura a marca da cidade

A Coruña, 26 de abril de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego presentou esta tarde o programa en materia cultural nun acto que contou coas intervencións do candidato á Alcaldía da Coruña, Xosé Manuel Carril, coa candidata e concelleira, María Xosé Bravo, coa escritora e candidata, Mercedes Queixas, e co presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica e candidato, Manuel Monge.

Carril apostou na súa intervención por facer cultura coa cidadanía, promovendo a participación dos veciños e veciñas; por potenciar as programacións culturais e o acceso a elas de toda a poboación; por promover a creación e a produción cultural propia e por darlle protagonismo á identidade galega da cidade.

Bravo foi a encargada de debullar as actuacións que acometerá o BNG en materia de cultura. Entre outras propostas, a número dous da candidatura salientou a necesidade de incrementar os niveis de lectura e competencia lectora entre a poboación, dun plan de lectura da cidade coa participación dos axentes implicados, apoiar e difundir o traballo dos escritores e promover a escrita entre a xente nova, facer das bibliotecas espazos de opinión abertos á cidadanía ou potenciar o papel dos libreiros e das librarías como centros culturais. Tamén avogou a edil nacionalista por facer das bibliotecas a porta de acceso aos servizos de información da cidade, por medio de instrumentos como portal web de recursos.

O BNG construirá itinerarios urbanos para a difusión da historia cultural da cidade

No que ten a ver coa historia e o patrimonio, a tamén concelleira de Cultura sinalou que o BNG aposta por garantir a protección, mantemento e posta en valor do patrimonio material da cidade, por editar guías didácticas e sinalización de itinerarios urbanos para a difusión da historia cultural da cidade, por acometer a catalogación, inventario, estudio e coñecemento do patrimonio histórico–artístico, arqueolóxico, etnográfico e eco-xeográfico ou por seguir a impulsar a visibilización e dinamización das casas museo da cidade.

En materia de artes escénicas e música, María Xosé Bravo propuxo potenciar os elementos non convencionais e non institucionais dentro da oferta de programacións culturais, por desenvolver a área de apoio á creación dentro da política cultural municipal e por fortalecer, potenciar e vertebrar a actividade da sociedade civil no ámbito das artes escénicas e a música. Neste eido, salientou que o BNG facilitará o achegamento da Orquestra Sinfónica a todos os públicos e habilitará unha sede permanente para a Banda Municipal de Música.

Tamén apostou por potenciar as accións dirixidas a acercar as artes plásticas e visuais a todos os públicos, por incrementar as actividades de intercambio con outras cidades ou por incrementar as canles de colaboración coas galerías e creadores.

Os nacionalistas propoñen unha factoría cultural con servizos de apoio aos creadores

Tamén se referiu Bravo a desenvolver a área de apoio á creación dentro da política cultural municipal, á habilitación de espazos multiusos en centros municipais para o desenvolvemento dos procesos de creación e produción por parte dos creadores locais, á creación dunha factoría cultural, con servizos de apoio aos creadores en calquera disciplina artística, no edificio da antiga Prisión Provincial da Coruña, ou á consolidación do Achegarte.

No que ten a ver cos museos científicos, a candidata do BNG propuxo potenciar a produción de actividades e de contidos/módulos divulgativos como un modelo de xestión e actualización dos museos máis sustentábel, por posicionar os museos coruñeses na rede internacional de museos científicos, por achegar a oferta de divulgación científica aos diferentes públicos e sectores da cidadanía e por pór en marcha Murede, a rede internacional de museos e centros de divulgación de ciencia de Galiza e Portugal.

O programa electoral do BNG aposta claramente pola participación activa dos axentes culturais e do conxunto da cidadanía na definición das políticas culturais do municipio. Nesta liña, os nacionalistas constituirán o Consello Municipal da Cultura, levarán aos barrios as políticas culturais e potenciarán o acceso á oferta cultural da poboación con menores recursos.

“Comprometémonos coa retirada da simboloxía franquista que aínda fica na Coruña”

No que respecta á memoria histórica, onde o BNG entende que fica moito por facer, os nacionalistas potenciarán a celebración do Día da Galiza Mártir e a celebración do 28 de xuño, por ser a aprobación do Estatuto no plebiscito do 36. O BNG comprométese ademais coa retirada da simboloxía franquista que aínda fica da Coruña e na recuperación da memoria histórica. E é que o BNG non está de acordo coa pervivencia nas nosas rúas –nin sequera durante un período breve de tempo– das placas dos nomes que o Pleno xa aprobou retirar. Nesta liña, o programa do BNG recolle toda a simboloxía franquista que fica aínda na Coruña (nome de rúas, escudos, retratos, bustos, placas, distincións honoríficas...) e pola recuperación dos nomes tradicionais logo da supresión das rúas franquistas.

Cambiarán tamén os nacionalistas os nomes de centros docentes relacionadas co franquismo, colocarán unha placa no Pazo de María Pita que lembre a todas as persoas que traballaban no concello e que foron represaliadas, potenciarán a Casa Museo Casares Quiroga como lugar da memoria republicana e promoverán un espazo para a memoria dentro dos usos que poida ter o vello cárcere. O programa do BNG tamén recolle a atención nos locais municipais ás persoas que reclamen información ou que se lles faciliten as xestións para acceder ao recoñecemento de vítima do franquismo.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]