Carril: “A sustentabilidade tamén pode crear postos de traballo”

A Coruña, 27 de abril de 2011.- O candidato do BNG á Alcaldía, Xosé Manuel Carril, presentou esta mañá coa representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, as propostas en materia de medio ambiente. Carril explicou que a sustentabilidade é unha cuestión transversal que abrangue moitos eidos, “como a planificación urbanística –o que nós chamamos rexeneración urbana–, a mobilidade ou o ciclo da auga, que deixan pegada ecolóxica”. E citou algunhas das máis de medio cento de actuacións que recollen os nacionalistas no programa electoral, “unhas propostas que non teñen sentido se non se entende en clave comarcal”. Neste contexto, Carril sinalou que o BNG aplicará no concello unha política ambiental guiada pola preservación da nosa contorna e pola súa posta en valor como esteo do desenvolvemento sustentábel.

En canto ás actuacións locais, o candidato nacionalista apelou á Axenda 21 e explicou que o BNG impulsará actuacións de planificación urbanística e ordenación territorial encamiñadas a evitar ou eliminar situacións de contaminación ambiental, así como a elaboración de planos de usos permitidos, incentivos para a relocalización de actividades industriais en espazos para estas actividades ou a racionalización do transporte. Así mesmo, o BNG deseñará actuacións en materia de educación ambiental.

Pacto Europeo dos Alcaldes por unha Enerxía Sustentábel

Carril subliñou que “nos comprometemos a que o Concello da Coruña asine o Pacto Europeo dos Alcaldes por unha Enerxía Sustentábel”. “Ningún concello nin vila galega asinou este acordo, que reúne o compromiso dos alcaldes das cidades europeas nunha rede permanente de intercambio e aplicación de boas prácticas co fin de mellorarmos a eficiencia enerxética na contorna urbana”, apuntou.

O programa electoral do BNG salienta a capacidade da sustentabilidade como motor económico e social. Así, Carril apelou aos “empregos verdes ou green jobs”, “a reciclaxe e reutilización ten capacidade para erixirse como industria creadora de postos de traballo”. “Os puntos limpos tamén crean emprego se se continúa co seu ciclo de utilización”, engadiu o cabeza de lista do BNG, quen propuxo o fomento deste emprego verde na xestión complexa, integrada e eficiente da auga e na xestión e tratamento de refugallos.

Carril referiuse na súa intervención a unha mobilidade sustentábel para rematar co uso excesivo do vehículo privado e para impulsar un transporte público nomeadamente por tren, tranviario, marítimo e mesmo o carril-bici ou os desprazamentos a pé. Por último, o cabeza de lista do BNG vinculou sustentabilidade con creación de riqueza marítima, tanto no caso da rexeneración da Ría do Burgo como da zona de Bens “de onde se podería extraer o percebe coruñés”.

Ana Miranda reclama en Bruxelas as axudas ao cumprimento das normativas en medio ambiente

Pola súa banda, a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, lembrou as numerosas propostas levadas polos nacionalistas galegos á Cámara europea para o saneamento da Ría do Burgo. Ao respecto, denunciou a falta de aplicación das normativas medio ambientais e lembrou que a xustiza europea sancionou a Galiza por non sanear a auga en nove localidades, entre elas A Coruña. Neste senso, destacou que nin a Xunta de Galiza nin o Estado español fan os seus deberes.

“A Ría do Burgo, amais de ter valor ecolóxico, ten un importante valor económico, dados os recursos marisqueiros, que poderían crear numerosos postos de traballo”, sinalou Miranda, quen apostou por un Plano de Saneamento Integral de Augas Residuais en todos os concellos da nosa contorna.

Miranda salientou que “o outorgamento de futuras axudas procedentes dos fondos europeos  deben estar unidos ao saneamento integral das augas, ao cumprimento da normativa da Rede Natura, á Directiva de Augas... En definitiva, á sustentabilidade”.

A representante do BNG en Bruxelas tamén aludiu ao recorte das cotas de captura que sofre a frota galega. “Reclamamos que deixen pescar os nosos mariñeiros, reclamamos o seu dereito a vivir do mar”, afirmou, para incidir en que os estudos biolóxicos que xustifican os recortes “non son serios nin coherentes, como ben ten admitido a comisaria de Pesca”. Miranda concluíu asegurando que o BNG acompañará unha delegación da Plataforma en Defensa da Ría do Burgo para denunciar en Bruxelas a situación da Ría do Burgo.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]