O BNG propón aumentar o gasto social no Concello da Coruña

A Coruña, 26 de abril de 2011.- A candidatura do Bloque Nacionalista Galego presentou esta tarde “as políticas de benestar e de carácter social, públicas e de calidade como un alicerce fundamental do noso proxecto”. Olga García Agra, ex vicevaledora do Pobo, ex delegada de Medio Rural e candidata, Ramón Veras, médico de Atención Primaria, responsábel da Comisión de Sanidade do BNG e candidato, e Ana Luísa Bouza, parlamentar do BNG, foron os encargados de debullar as propostas dos nacionalistas.

Os membros da candidatura do BNG apostaron por que, nun contexto de crise económica que lle afecta á maioría da poboación, “é fundamental aumentar as partidas orzamentarias do Concello da Coruña destinadas a gasto social, particularmente no eido dos servizos sociais en liña co obxectivo de acadar arredor do sete por cento dos orzamentos”. “O obxectivo pasa por paliar os efectos que está a causar a crise no conxunto da sociedade, especialmente naquelas persoas que, ante unhas taxas de desemprego en constante aumento, son máis susceptíbeis de sufrir unha situación de exclusión social e pobreza”, subliñaron os nacionalistas.

O programa do BNG recolle nun amplo apartado as actuacións para a promoción do benestar da cidadanía, “unha das principais razóns de ser das administracións públicas nas sociedades avanzadas”. Así, o BNG recolle numerosas propostas en materia de servizos sociais comunitarios, en inclusión social, para persoas con discapacidade, en dependencia e poboación maior, para persoas con adiccións, para a infancia ou para persoas con doenzas pouco frecuentes.

Entre as propostas, os nacionalistas apostan por mellorar e modernizar a atención á cidadanía; por un Plan Integral de Inclusión Social; por actuar sobre discapacidade como vector transversal de atención preferencial de todas as liñas de acción política do concello; por priorizar a atención de dependentes por parte do Concello da Coruña –non só polo dereito a unha calidade de vida deste sector da poboación como polas persoas dedicadas a coidalas–; pola prevención e o apoio a programas de atención específica para persoas con adiccións; por atender as situacións derivadas da falta de conciliación familiar e laboral no que ten a ver coa infancia ou por garantir a igualdade de oportunidades para as persoas con doenzas pouco frecuentes para que reciban un trato xusto sen importar a rareza da súa enfermidade.

O BNG aposta por unha sanidade 100 por cento pública e de calidade

En materia de sanidade, o BNG propón un diagnóstico de saúde comunitaria en cada barrio ou a posta en marcha de programas de promoción de saúde transversais que xeren calidade de vida e aumento de anos de vida saudábeis. Como mínimo, segundo explicou Veras, os nacionalistas actuarán en programas de saúde materno infantil, en adolescencia e afectividade, en nutrición, en exercicio físico, en redución de risco vascular ou cun programa de envellecemento san, información e axudas para os coidadores e coidadoras de persoas maiores e discapacitados.

Ademais, o BNG aposta pola creación dun Consello Municipal da Saúde que garanta a participación da sociedade, por promover actividades de investigación de saúde comunitaria en colaboración coa universidade e co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, pola integración da Coruña na Rede Europea de Cidades Sustentábeis ou polo desenvolvemento completo das competencias que lle asigna a Lei de Administración Local aos concellos: auga e medio natural, policía mortuoria, condicións sanitarias de lugares de vivenda e convivencia humana, ruído...

Así pois as liñas nas que se fundamenta o programa sanitario municipal do BNG coruñés son a reclamación ao Goberno galego duns servizos sanitarios públicos suficientes e adecuados para as necesidades asistenciais da Coruña, tanto en atención primaria como hospitalaria, a posta en marcha de programas de promoción de saúde baseados na participación da comunidade e a inspección e avaliación da saúde ambiental e alimentaria da cidade.

O BNG presenta mañá o programa en materia de cultura

O BNG continúa mañá cos encontros sectoriais, desta vez en materia de cultura e memoria histórica. O acto, que terá lugar mañá, 27 de abril, ás 20.00 horas no Auditorio do Circo de Artesáns, contará coas intervencións de María Xosé Brazo, Mercedes Queixas e Manuel Monge.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]