O BNG aposta por que os concellos traballen conxuntamente a prol da creación de emprego e da reactivación da economía

A Coruña, 26 de abril de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá en rolda de prensa o programa electoral a nivel comarcal que, como explicaron a responsábel comarcal do BNG, Silvia Seixas, e o responsábel de Organización da comarca, Carlos Babío, “marca as actuacións comúns que nos levaremos a cabo en todos os concellos da Comarca da Coruña e da Comarca das Mariñas”.

Seixas salientou o compromiso do BNG coas políticas coordinadas nos municipios. “Máis que nunca neste contexto de crise que sufrimos, cómpre actuarmos conxuntamente, deixando de lado os localismos”, apuntou a responsábel comarcal, quen pasou a debullar os principios que recolle o programa electoral a nivel comarcal do BNG.

“Entre as actuacións que se marca a organización subliñamos o papel activo  na creación de emprego e na reactivación económica; e é que os concellos teñen unha importante función nesta área que deben exercer”, explicou Silvia Seixas, quen apostou por que os entes locais traballen de xeito coordinado “na creación e fomento do tecido produtivo, así como na mellora do transporte, das comunicacións, na posta en marcha de medidas de cooperación entre os diversos polígonos industriais ou entre os servizos de emprego dos concellos da comarca”.

Tamén propuxo Seixas un novo modelo de administración que aborde desde o ámbito metropolitano os retos destes novos tempos. “Só desde a xestión conxunto de servizos, desde a planificación coordinada seremos capaces de avanzar nun modelo ao servizo da cidadanía”, sinalou Seixas, para logo engadir que “o BNG é o garante desde os gobernos da  creación da área metropolitana”.
 
Ademais, a responsábel comarcal apuntou que os nacionalistas apostan “pola democracia, a transparencia e a participación na vida metropolitana porque veciñanza debe estar implicada na  elaboración, deseño e execución das políticas comarcais”.

Ademais de aludir á normalización da lingua galega desde a área metropolitana, Seixas avogou por impulsar coordinadamente a política cultural desde os concellos da nosa contorna. Tamén salientou as políticas comarcais como alicerce de benestar do proxecto do BNG. Nesta liña, asegurou que “a colaboración entre os concellos é imprescindíbel de cara a garantir uns servizos óptimos para o conxunto da cidadanía”.

A área metropolitana como garante da racionalidade

No que ten a ver coa planificación territorial, Seixas afirmou que “a área metropolitana será exemplo, co BNG nos gobernos, dunha política urbanística feita con racionalidade, equilibrio, transparencia, participación, coherencia e na que o interese público e xeral ten de ser prevalente”.

En canto á política medio ambiental, a responsábel comarcal propuxo a “preservación e a protección da nosa contorna e da súa posta en valor como eixo de desenvolvemento comarcal sustentábel. Tamén en relación coa sustentabilidade, Seixas explicou que o BNG aposta “por unha comarca comprometida coa mobilidade e o transporte público”. “Temos que activar de xeito coordinado e planificado medidas que poñan fin ao conxestionamento da área e que melloren a comunicación entre os distintos concellos”, engadiu.

A plena realización do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres é un obxectivo estratéxico para o BNG, segundo sinalou Seixas, quen avogou polo “desenvolvemento de políticas transversais planificadas desde o diálogo e a colaboración entre todos os concellos para acadar esa tan desexada igualdade”.

A responsábel comarcal do BNG tamén erixiu a mocidade como “centro das accións políticas” e por facilitar que “toda a cidadanía en igualdade de condicións sexa quen de poder practicar a actividade física e o deporte, xa que tamén é benestar”.

Carril: “Legalidade, legalidade, legalidade”

En resposta a preguntas dos xornalistas sobre contratacións municipais, o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Xosé Manuel Carril apelou á “legalidade, legalidade e legalidade”. “Legalidade porque as forzas políticas, como calquera outra entidade ou persoa, teñen dereito a acceder aos expedientes administrativos para coñecer a súa tramitación. “É un dereito recoñecido en diversas normas, que toda administración está obrigada a atender facilitando esa información”. “Sen prexuízo de que hai outras medidas de posuír información, como é o rexistro de contratos do sector públicos. Aquí pódese obter toda a información sobre contratación pública porque as Administracións están obrigadas a enviar toda a información relativa aos contratos adxudicados”, engadiu.

 “Legalidade, porque a lei de contratos do sector público regula no seu libro III o tema da selección de contratistas e adxudicación dos contratos e que se inclúe o procedemento negociado con ou sen publicidade para casos concretos, garantindo que polo menos a oferta se faga a tres empresas”, explicou.

 “E legalidade porque o control para que se fagan ben as cousas non está só en mans dos partidos políticos. Hai institucións específicas ao respecto, como o Consello de Contas de Galiza (que é o ente fiscalizador de contas e da xestión económica financeira do sector público galego, entre os que tamén están os concellos), o Tribunal de Contas ou os propios tribunais”.



Carril sinalou ademais que “para garantir a transparencia cómpre que exista unha plataforma virtual de contratación pública municipal e un rexistro municipal oficial de licitadores e empresas de inclusión voluntaria”.


twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]