O BNG vota en contra do PXOM, continuista co modelo urbanístico fracasado de Paco Vázquez e que lle regala a cidade aos promotores de sempre
A Coruña, 6 de agosto de 2012.- "Os promotores inmobiliarios de sempre, deben estar encantadísimos con vostedes, xa que poderán campar as súas anchas onde lles apeteza", así comezaba a concelleira do BNG Ermitas Valencia a súa intervención para expoñer o voto en contra dos nacionalistas á aprobación provisional do PXOM. Valencia acusou o PP de "teimar con mentiras no modelo urbanístico fracasado de Paco Vázquez, regalándolle a cidade aos especuladores". "O PP segue ao pé da letra a mesma política urbanística do PSOE, que non é outra que a que lle ditan as promotoras inmobiliarias", salientou.
Sinalou Valencia que lle sorpendeu ao BNG que o Goberno local entregara unha documentación que non está actualizada, tal e como prescribiron os técnicos municipais. E é que o documento do PXOM foi a Pleno sen que fosen corrixidos os erros e eivas detectadas polos servizos municipais nun informe datado do 30 de xullo de 2012. "Polas súas présas, traen a Pleno un documento que non se corresponde co informado polos técnicos", apuntou a concelleira do BNG que, previamente, solicitou que se retirara da orde do día a aprobación provisional do PXOM, tal e como xa reclamara nun escrito rexistrado o sábado.
Valencia citou os cambios cualitativos introducidos polo PP respecto do documento de aprobación inicial
"Comparado co documento de aprobación inicial de 2009, o PP introduce cambios cualitativos realmente importantes para beneficio único e exclusivo dos seus amigos os promotores, en detrimento, claro está, da propia cidade", advertiu a edil do BNG, quen citou as modificacións máis representativas.
Valencia: "As edificacións na torre son un agasallo aos promotores que incumpre as medidas de protección ditadas pola UNESCO, que contradí o informe de Patrimonio da Xunta e que representa unha solución arriscada que podería non ser aceptada por Patrimonio"Reclasificación de solo respecto do documento de 2009. Valencia explicou que o documento do PP incrementa a superficie de solo urbano (en especial, o consolidado) e reduce o solo non urbanizábel (o rústico). Afirmou ademais que o novo documento reclasifica máis dun millón e medio de m2 de solo urbano e, pola contra, reduce a superficie destinada a espazos libres en case medio millón de m2 (un 11%) e tamén se reduce a superficie destinada a equipamentos en 232.344 m2 (un 17%).
Aumento da edificabilidade e incremento das alturas en determinadas zonas de actuación. Nomeou o Parque da Agra do Orzán, as Percebeiras, As Rañas, Penamoa, O Portiño ou Monte Mero. Salientou Valencia que, no caso das Rañas, o PP consolida o pelotazo de Collazo, Jove e Soto, incrementa a superficie do sector e a superficie edificábel e, por último, reduce as dotacións para equipamentos, espazos libres e zonas verdes.
Menor porcentaxe de reserva para vivenda protexida, por aplicación da nova Lei de Vivenda de Galiza. Valencia expuxo que a propia memoria e o Informe do PXOM din que se aplicará a porcentaxe de reserva desta lei, que permitirá que a porcentaxe de reserva para vivenda protexida pase do 40 até un mínimo do 8 por cento.
Pelotazo na zona portuaria ao suprimir o Goberno local a obrigatoriedade de destinar o 50 por cento a vivenda protexida e ao incrementar as alturas, con edificios de até 10 plantas, con todo o impacto visual que isto terá, tal e como explicou a concelleira do BNG.
Mamotretos na torre. Valencia fixo especial fincapé nos mamotretos que o PP recolle na contorna da Torre de Hércules "como agasallo aos promotores, que incumpre as medidas de protección ditadas pola UNESCO, que contradí o informe de Patrimonio da Xunta e que representa unha solución arriscada que podería non ser aceptada por Patrimonio". E é que, tal e como lembrou Valencia, o PXOM foi aprobado en Pleno sen ter o visto e prace de Patrimonio aos mamotretos da torre, outro dos motivos que levaron o BNG a pedir a retirada deste asunto da orde do día do Pleno.
Valencia: "O propio Busquets cualificou as alegacións do PP de erróneas, paradoxais e incomprensíbeis, ademais de contrarias á lei""O Sr. Negreira teima con esta aberración de enorme impacto sobre a torre, consolidando o impresionante pelotazo da recualificación de 1998 do seu mentor o Sr. Paco Vázquez", criticou. "Non só non liberan a Agra de Santo Amaro de novas construcións —segundo esixen Patrimonio e a Unesco—, senón que manteñen un dos bloques de edificación previstos no Estudo de Detalle do 2002 e desprazan a edificabilidade residencial a unha edificación situada na súa maioría en terreos actualmente cualificados como espazo libre privado do plan de Adormideras.
Puxo de manifesto Valencia que "o PP segue ser dar razóns polas que rexeitou no Pleno de outubro a moción do BNG para revisar de oficio os Estudos de Detalle aprobados no 2001-2002 cos nosos votos en conta, e que, ademais de careceren de eficacia xurídica (nunca foron publicados), son nulos de pleno dereito (por non se ter requirido informe previo de Patrimonio)". "E o PP non o fai, porque as razóns non son outras que amparar a uns promotores que non teñen dereito a ningunha indemnización e que encargaron a redacción dese Estudo de Detalle ao actual director de Urbanismo, Sr. Otero Grille", salientou.
Valencia desmonta as mentiras do PP
A continuación, a concelleira do BNG desmontou na súa intervención as mentiras que o PP contou antes na oposición e agora no Goberno, "facéndonos responsábeis de acusacións que non eran certas e polas que se pretendía confundir a cidadanía cunha finalidade claramente incendiaria e electoralista". "Mesmo a pasada semana, o PP teimou na súa habitual campaña de intoxicación co reparto en Durmideiras de folletos onde explicaba a súa proposta de mamotretos na contorna da Torre culpando o BNG, precisamente malia saber que os mamotretos de Santo Amaro son consecuencia do PXOM de 1998 e dos Estudos de Detalle dos anos 2000 e 2001, que contaron cos votos en contra do BNG", apuntou.
E tamén confundiu o PP a cidadanía, dicíndolle que aprobación inicial dun documento de revisión e aprobación provisional eran o mesmo cando non o son", apuntou. A este respecto lembrou que o BNG dera visto bo á aprobación inicial do documento, "que o único que significaba era só o inicio do procedemento administrativo da revisión do PXOM. E fixo isto, condicionando a súa posterior aprobación provisional á necesidade de mellorar en moitos aspectos o documento que comezaba a tramitarse". "Moitas destas melloras estaban relacionadas directamente coa necesidade de acabar definitivamente coa política urbanística do Vázquez e de iniciar unha aposta seria pola rexeneración urbanística en todos os sentidos na nosa cidade".
O propio Busquets cualificou de erróneas, paradoxais e incomprensíbeis as alegacións do PP, nomeadamente, respecto do fóra de ordenación
Continuou Valencia referíndose ás mentiras e falsidades do PP, que tamén foron percibidas polo propio Busquets. A edil do BNG leu citas literais do informe elaborado polo equipo redactor do PXOM para dar resposta ás alegacións presentadas polo PP en febreiro de 2010. "Este informe do Sr. Busquets contén unha crítica demoledora ao PP, desmonta as mentiras e falsidades do PP en moitas cuestións (sinaladamente, as relacionadas co réxime de fóra de ordenación) e, por último, cualifica as alegacións do PP de erróneas, paradoxais e incomprensíbeis, ademais de contrarias á normativa legal", advertiu.
«....Ha de dejarse constancia de que el escrito de alegaciones del Grupo Municipal Popular rectifica la hoja informativa difundida durante la fase de información pública del PGOM », recolleu Valencia do propio informe. "Sobran comentarios, porque o PP xa nos ten habituados ás mentiras, mesmo manipulando documentos públicos", afirmou.
O que defendía o PP na oposición con fraude é contrario do que aprobou hoxe
Por último, a concelleira nacionalista advertiu de que "o informe de Busquets e o documento do PXOM do Pleno de hoxe proban que o que defendía o PP na oposición con fraude é contrario do que aprobará hoxe, evidenciando o continuísmo da política urbanística do Sr. Vázquez e de submisión ás promotoras privadas". E citou os mamotretos da torre, a supresión no porto da obrigatoriedade de destinar o 50 por cento a vivenda protexida e o incremento das alturas ou o descenso da dotación para equipamentos e zonas verdes e a redución da superficie destinada a espazos libres.
Tamén deu conta da menor porcentaxe de reserva para vivenda protexida, a reclasificación de solo en máis dun millón e medio de m2, o aumento da edificabilidade, o incremento das alturas en determinadas actuacións e redución de espazos libres e/ou equipamentos na Agra do Orzán, nas Percebeiras, nas Rañas, en Penamoa, no Portiño ou en Monte Mero, ou a mellora do convenio das Rañas.