O BNG considera un despropósito que o Goberno local vaia gastar 700.000 euros en enquisar comerciantes da Agra cando lles eliminou as axudas previstas do Urbana C

A Coruña, 5 de agosto de 2012.- A concelleira do BNG Ermitas Valencia considera un despropósito que o Goberno local vaia malgastar 70.000 euros en contratar a dedo unha consultora para enquisar comerciantes e veciños da Agra do Orzán co fin de marcar unha estratexia que axude ao pequeno e mediano comercio da zona. Lembra Valencia que o Sr. Negreira suprimiu do programa Urbana C as axudas directas e a fondo perdido a comercio, hostelaría e talleres de automoción do barrio para destinar eses cartos a unha aula virtual de busca de emprego da que nada sabemos.   

Non lle chegou ao Goberno local deprezar os propietarios dos estabelecementos comerciais da Agra que agora ten que insultalos con esta enquisa”, sinala en alusión ao informe do expediente de reprogramación do Urbana C. E é que na documentación, o Goberno do Sr. Negreira di que "En el Agra del Orzán existe una sobreoferta del sector hostelería... mas de 100 bares de baja calidad de la oferta", "la ubicación de estos talleres en pequeños locales, insertos en las estrechas calles del barrio, hacen problemática toda actuación de dinamización económica de este sector cara el futuro, pues tendrán que cambiar de ubicación hacia la periferia urbana", "la voluntad de realizar unicamente pequeñas inversiones...   

Despois de deixar sen gastar 189.398 euros en axudas para o comercio e despois de restarlle á partida de comercio 120.000 euros para destinalos a festas, o Sr. Negreira sorpréndenos con enquisas

Valencia lamenta a falta de xestión do Goberno local para axudar o comercio. “É demasiado tarde para trazar nuns meses aínda a estratexia que guíe os comerciantes da Agra do Orzán”, considera Valencia, quen lembra que o Goberno do Sr. Negreira deixou sen gastar dos orzamentos de 2011 un total de 198.398 euros en axudas para o comercio. Ademais, recentemente o Sr. Negreira restoulle á partida de Dinamización para o comercio 120.000 euros para llo traspasar á partida do IMCE para festas. “Estes datos e a enquisa demostran que o Goberno do Sr. Negreira improvisa porque non ten plan ningún para impulsar un dos sectores estratéxicos fundamentais da cidade: o comercio”, apunta.   

A concelleira nacionalista critica que no canto de axudar o comercio, o PP estea a darlle o tiro de graza. “Aos despropósitos do Goberno local na área de comercio súmanselle as graves medidas aprobadas por Rajoy: a suba do IVE, que fará diminuír o consumo, e mais a liberalización de horarios, un agasallo para as grandes áreas comerciais e un golpe mortal ao pequeno comercio”, subliña.   

Neste contexto, a concelleira do BNG sinala que “só falta que o Goberno local lles entregue unha carta aos comerciantes animándoos a que pechen as súas portas e a que busquen emprego a través das redes sociais, cos cursos e-learning nos que o PP malgastará 1 millón de eurazos”. “E a emigración 2.0 á que avoca o Sr. Negreira aos coruñeses e coruñesas”, conclúe.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]