O BNG rexeita un modificativo de crédito que non recolle nin unha soa medida para facerlle fronte á crise e que se centra nas festas e na regata de veleiros

A Coruña, 6 de agosto de 2012.-  O Grupo Municipal do BNG rexeitou no Pleno desta mañá o modificativo de crédito de 3.900.000 euros, nun contexto de brutal recesión que, tal e como expuxo a concelleira Ermitas Valencia, provocará a diminución do PIB en 2 puntos. Fixo alusión Valencia ás máis de 23.000 persoas que se atopan no desemprego só na cidade da Coruña, cifra que aumenta ás 38.000 se falamos da área metropolina, ao que engadiu os recortes aos empregados públicos e a baixa capacidade de consumo, que ameaza con pechar centos de comercios de locais de hostalaría e que prexudicarán o xa débil tecido industrial da Coruña.  

E neste contexto, explicou Valencia, o Goberno local vai aprobar un modificativo que non ten en conta para nada a situación de crise. "O modificativo non trae nin unha soa medida que poidamos cualificar como positiva para tratar de aminorar os efectos da crise", sinalou. Salvou o aumento de 130.000 euros en emerxencia social, aínda que criticou que parte deses cartos lle foran restados ao programa de erradicación do chabolismo ou ao plan de persoas con discapacidade.  

A continuación, a concelleira do BNG denunciou o disparate de aumentar en medio millón máis o orzamento de festas, nas que o Goberno do Sr. Negreira gastará máis de un millón de euros. Ou o disparate dos 500.000 euros que gastará do 10 ao 13 de agosto na Tall Ships Race. "Vostedes xustifican estes dispendios dicindo que así se reactiva a economía, mais non nos enganen, isto é pan para hoxe e fame para mañá", advertiu.  

Valencia: "Vostedes xustifican estes dispendios en festas (máis de un millón de euros) e na regata (medio millón) dicindo que así se reactiva a economía, mais non nos enganen, isto é pan para hoxe e fame para mañá""A xestión con racionalidade non é o seu"  

Valencia puxo de manifesto que o orzamento da regata "é un insulto a todos os coruñeses e coruñesas, un dispendio brutal que evidencia que xestionar con racionalidade non é o seu". E é que, tal e como expuxo, a metade do gasto que recolle este orzamento respresenta cuestións innecesarias. "Demóstrase, ás claras, a loucura e a falta de planificación da Concellaría do Sr. Mourelo, porque lembremos que hai un mes tiñan previsto un orzamento para a Tall Ships Race de 102.500 euros, cartos que en apenas semanas medraron até os 500.000", apuntou.  

Ironizou a nacionalista con que "polo menos, temos que agradecerlle á Concellaría de Deportes que nos explique en que vai gastar os 500.000 euros, porque a ex asesora da concelleira de Cultura, agora coordinadora do IMCE, pídelle a este Pleno 500.000 euros cun informe de seis liñas que o máis substancial que di é que quere "que en los barrios ocurran cosas en cada momento". "Será que non nos quere explicar canto nos valen as touradas, outro dispendio con retorno de –80.000 euros", criticou.  

Un modificativo para festas que amosa a falta de xestión e de planificación do Goberno local  

A concelleira nacionalista leu, a continuación, parte da intervención do Sr. Flores, precisamente no Pleno en que o Goberno do PP aprobaba o primeiro modificativo, xusto hai un ano. "Hoy asistimos al último capítulo de la gestión chapucera del anterior bipartito... hoy nos vemos obligados a traer un modificativo de crédito porque el bipartito dejó sin presupuestar las fiestas de María Pita". Lembrou Valencia que cando o Goberno do Sr. Negreira aprobou os orzamentos de 2012, anunciárannos que os orzamentos xa contemplaban os anos para festas.  

Criticou a nacionalista que no primeiro modificativo de crédito ao orzamento de 2012 o Goberno local aumentou para festas 120.000 euros, e que neste modificativo sumou 500.000. "E iso que tiñan orzadas as festas", apuntou.

200.000 euros de obras a tarxetas Millenium

 

Outro exemplo de falta de xestión e de improvisación, sinalou Valencia, está na área de Transporte, xa que se recortan 200.000 euros en obras para destinalos a mercar tarxetas Millenium. Precisamente, a finais de ano, tamén suplementara o Goberno local a partida para mercar estas tarxetas. "Antes era culpa do bipartito, e agora debe ser culpa de que dormen de pé", afirmou, aludindo ao lema das festas.  

"Este vai ser o único xeito de que consigan aumentar a execución das obras: restando cartos desta partida e destinándoos para outras cousas", denunciou Valencia, que acusou o Goberno do Sr. Negreira de maquillar as contas.  

200.000 euros das cubertas de pistas ás obras do mercado de Sto. Agostiño  

Tamén falou Valencia da falta de previsión do Goberno local nas obras do mercado de Santo Agostiño. Lembrou que a cinco meses de aprobar o orzamento, o Goberno dixo que a Xunta de Galiza ía outorgarlle ao Concello unha subvención e que as arcas municipais complementarían esa axuda con 200.000 euros. E tres meses máis tarde, a Xunta desentendeuse desa subvención.  

A concelleira do BNG puxo de manifesto que eses 200.000 euros estaban destinados, inicialmente, a unha das promesas estrela do PP: cubrir con tellados parques infantís, unhas actuacións que estaban previstas e que agora xa sabemos que non se van facer.  

"Este modificativo demostra que o PP mentiu"  

A continuación, Valencia desmontou as mentiras do PP:   

Valencia concluíu que "o único que fai ben o PP é a propaganda e venderlle fume á cidadanía a todas as horas". E acusou o Sr. Negreira de non saber que facer cos cartos e non ter ideas, "de aí estes dispendios que aproban hoxe".  

"Se queren axudar a hostelaría, axuden a estes negocios a chegar a fin de mes, non os axuden gastando 500.000 euros en tres días que dura unha regata", "se queren axudar o comercio, promovan o consumo nos barrios e faciliten o traballo aos comerciantes, e non malgasten máis de un millón de euros en festas", salientou. 

Por último, Valencia rematou a súa intervención criticando que o PP na Coruña derroche, mentres que en Madrid o PP recortará en pensións, en axudas a desempregados e con novos recortes en educación e en sanidade.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]