O BNG rexeita o agasallo da Fábrica de Tabacos á Xunta de Galiza "a cambio de nada máis que recortes"

 A Coruña, 6 de agosto de 2012.-  Outros dos asuntos debatidos esta mañá en Pleno, a aprobación definitiva da cesión gratuíta á Xunta de Galiza da Fábrica de Tabacos, a aprobación do cambio de usos do centro comercial de Elviña e a aprobación da modificación do plan parcial de Someso, contaron co voto en contra do Grupo Municipal do BNG, ao entender que estas decisións prexudican o interese xeral da cidadanía.   

No asunto relativo á Fábrica de Tabacos, o concelleiro nacionalista Xan Caxigal criticou que o Goberno local renunciara a unha propiedade patrimonio da cidadanía coruñesa e que llo ceda gratuitamente á Xunta de Galiza sen saber o valor económico do edificio. "A garantía de reversión, caso que a Xunta de Galiza non destine o Inmoble en 14.000 m2 a usos xudiciais, non está suficientemente garantida, pois o propio protocolo asinado permite o cambio de usos xudiciais previo e expreso consentimento do Concello da Coruña", apuntou. "E vendo a sumisión do Sr. Negreira ao seu partido, aínda que sexa en detrimento dos coruñeses e coruñesas, non tería reparo en dar o visto e prace", sinalou.   

Ademais, Caxigal expuxo que "nada di que a Xunta de Galiza poida, o día de mañá, trasmitir o edificio a outras administracións, sempre que se adique a usos xudiciais, pero debería figurar a garantía de reversión no caso de transmisión a outras administracións". Tamén cuestionou o concelleiro do BNG que a superficie de tres mil metros cadrados para usos non especificados en reserva para o seu destino dependa do permiso da Xunta de Galiza.  

Volveu preguntar Caxigal, sen obter resposta ningunha, que obtén a cambio o Concello da Coruña e a súa cidadanía co agasallo da Fábrica de Tabacos á Xunta de Galiza? "Que contraprestación?", "Vai investir a Xunta de Galiza en industrialización, en emprego, en servizos sociais, na ría do Burgo, nunha residencia universitaria?", preguntouse.  

Por último, o concelleiro do BNG ironizou coas "xenerosidades extremas do Goberno do Sr. Negreira" cos promotores inmobiliarios, coa Autoridade Portuaria, con Copasa, coa Compañía de Tranvías, coa banca, co Goberno central, coa Xunta de Galiza ou coa Federación Galega de Fútbol.  

Caxigal esixe garantir a continuidade do Mercado Municipal de Elviña  

Sobre o cambio de usos do centro comercial de Elviña, Caxigal acusou o Goberno local de atender á demanda da concesionaria, que nunha solicitude chea de inconcrecións se refire a un suposto desequilibrio económico derivado da situación de crise.  

O concelleiro do BNG lembrou que a razón de ser e a principal característica deste centro comercial é o mercado municipal, e advertiu de que co cambio de usos podería verse en perigo a súa continuidade. "Non temos constancia de que por parte da concesionaria se vira asumido ningún custo adicional co fin de atender as necesidades dos praceiros e praceiras", sinalou.  

O nacionalista preguntoulle ao Goberno local se esta modificación respondía a unha estratexia de iniciativa municipal ou se, unha vez máis, actuou ao ditado dos intereses de determinadas empresas concesionarias. Tamén lle preguntou se tiveron en conta os intereses dos comerciantes instalados no centro comercial e se ten coñecemento de que a concesionaria está a facer os labores de mantemento aos que está obrigada.  

Caxigal defendeu modificar o PXOM para introducir os cambios en Someso e non o Plan Parcial 

No que respecta á aprobación definitiva da modificación do Plan Parcial de Someso, Caxigal sinalou que "á vista da documentación achegada, e tendo en conta os diferentes informes se recollen, debería optarse pola modificación do PXOM e non do Plan parcial". Despois de achegar as razóns técnicas polas que se debería modificar o PXOM e non o plan parcial, o nacionalista chamou a atención sobre a axilidade na tramitación desta modificación durante os últimos meses (trátase dun procedemento longo que comezou no 2009).  

Ademais, Caxigal amosou as súas dúbidas en relación ás peticións da Dirección Xeral de Aviación Civil. "Non temos a seguridade de que con esta modificación se contemplen as condicións fixadas pola Dirección Xeral", expuxo.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]