O BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira malgaste 200.000 euros en desfacer a mediana da avenida de Oza

A Coruña, 5 de agosto de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia o dispendio inxustificado da obra que o Goberno local vén de comezar na Avenida de Oza, unha obra para a que o PP gastará 200.000 euros só para tirar a mediana. Os nacionalistas consideran irresponsábel, máxime no contexto de graves recortes, dilapidar estes cartos públicos nunha obra que, ao contrario do afirmado polo Goberno local, non responde a razóns de seguridade, nin ténicas, nin legais, senón ao cumprimento dun capricho electoral do PP, tal e como se desprende do informe do Servizo de Emerxecias (achegámolo xunto á nota).   

O Grupo Municipal do BNG acusa o Sr. Negreira de crear alarmismo na veciñanza só para poder desfacer a mediana atendendo ás promesas da campaña. E é que o informe do Servizo de Emerxencias, que o PP lle mantén oculto á opinión pública, só recomenda suprimir o axardinamento central e non a medianeira. Ademais, segundo o informe, as dificultades de acceso só se localizan nun tramo concreto, e non en toda a avenida. Desminte o informe que todos os vehículos de emerxencias teñan dificultades de acceso nese tramo concreto, xa que só dúas unidades (a unidade 20 e a unidade 29) terían dificultades para operar. Sinalan os nacionalistas que sería inaudito que as obras de urbanización na cidade se executasen en función das características técnicas dos camións dos bombeiros da dotación municipal. De facelo, habería que levantar toda a Coruña.

Os nacionalistas lembran Código Técnico de Edificación (CTE) (achegámolo en arquivo xunto), que ademais non é de aplicación ás obras xa construídas, require un ancho de viario mínimo de 3,5 metros (e Avenida de de Oza ten 3,67 m) e un ancho libre (que pode incluír as beirarrúas) de 5 metros (factor que tamén cumpre esta avenida); polo que esta avenida cumpre co DB-SI.   

Por último, o Grupo Municipal do BNG pídelle ao PP que deixe de mentirlle á veciñanza e que se centre nas prioridades dos habitantes deste barrio. Os veciños e veciñas dos Castros, que ven con indinación como o Sr. Negreira tira con 200.000 euros en desfacer unha obra recente sen xustificación mentres sofren os recortes do Sr. Rajoy e mentres seguen esperando por unha obra que si é necesaria: a reforma integral da Gaiteira.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]