O BNG pide a retirada da aprobación provisional do PXOM da orde do día do Pleno
A Coruña, 4 de agosto de 2012.- A concelleira do BNG Ermitas Valencia rexistrou esta mañá un escrito en que os nacionalistas esixen a retirada do asunto 5 da orde do día do Pleno extraordinario que terá lugar o luns, sobre Aprobación provisional do documento de revisión do PXOM.
En declaracións aos medios, Valencia sinalou que o BNG formula esta petición en base a, en primeiro lugar, o informe dos servizos municipais do 30 de xullo, que apuntan a unha serie de mudanzas e correccións que non se inclúen na documentación entregada. "Malia que estas mudanzas e correccións son cuestións substantivas e transcendentes nalgúns casos concretos", explica. "Por iso consideramos que é prudente esperar por unha versión actualizada da documentación", afirmou.
Os nacionalistas argumentan que non foron subsanados os erros que detectaron os técnicos municipais e que non consta que Patrimonio informara favorabelmente dos cambios propostos na contorna da TorreEn segundo lugar, a concelleira nacionalista puxo de manifesto que a Dirección Xeral de Patrimonio non informou favorabelmente dos cambios propostos na contorna da Torre. "É dicir, sométese a votación documentación que non conta aínda con informes favorábeis que son preceptivos legalmente", salientou. Lembrou Valencia que o Concello da Coruña mandou a 20 de xullo a modificación na contorna da torre, os mamotretos que o PP quere facer en Durmideiras. "O máis sensato, falando dun monumento Patrimonio da Humanidade, é esperar a que a Xunta de Galiza se posicione", apuntou. Engadiu que "non entendemos cal é o beneficio social da cidade ao aprobar este luns a revisión do PXOM, cando poderiamos esperar a que Patrimonio dea a súa valoración".
Valencia volveu lembrar que "no BNG consideramos que non se lles debe compensar os promotores da Agra de Santo Amaro e non cremos que sexa a solución deixar a porta aberta a novas construcións na península da Torre". Así, advertiu de que o ICOMOS xa foi claro ao respecto e puxo de manifesto que a Dirección Xeral de Patrimonio avogou no informe relativo ao PXOM da Coruña, con data de marzo de 2010, por impedir novas edificacións e mesmo propuxo reordenar as dotacións deportivas para a eliminación de volumes e doutros elementos construídos, como os muros de peche que limitan o campo visual.
"Trátase de razóns o suficientemente significativas para agardarmos a levar a Pleno o PXOM", apuntou. "Outra cousa é que por cuestións partidistas o PP queira aprobar de présa un plan ateigado de erros e que non conta co visto e prace de Patrimonio ás edificacións da torre", engadiu. Volveu criticar Valencia que o PP vaia aprobar en pleno agosto o PXOM, "con total escurantismo, co fin de evitar que a cidadanía saiba das barbaridades introducidas polo Goberno do Sr. Negreira no PXOM para beneficiar os de sempre: os promotores, en detrimento do interese xeral dos coruñeses e coruñesas".