Valencia: "O fracaso estrepitoso e a falta de ideas do Sr. Negreira á fronte da Coruña lévano a inaugurar aulas que levan anos abertas"

A Coruña, 3 de agosto de 2012.- A concelleira do BNG Ermitas Valencia denuncia que “a inoperancia do Goberno do Sr. Negreira está a levalo a facer un ridículo espantoso, inaugurando como proxecto novo na Coruña unha aula Cemit do Concello da Coruña, cando xa hai unha aula que leva anos aberta na Biblioteca Miguel González Garcés”. “Sorprende que o Sr. Negreira convide a todo o seu séquito co que tanto lle gusta fotografarse, conselleiros, delegadas e directoras da Xunta de Galiza... a inaugurar a nova aula Cemit da Coruña como se se tratase dunha revolución e for a primeira que se abre na cidade”, apuntou. 

“Ou é que o Sr. Negreira está tan ocupado coas festas que descoñecía que xa había unha aula Cemit na cidade (na Biblioteca Miguel González Garcés) ou é que ten tanto afán polos paripés mediáticos e pola propaganda que precisa convocar a prensa para cuestións cotiás”, ironiza. Lembra ao respecto de a rede Cemit non é ningunha novidade e xa está presente, a estas alturas, en 98 concellos. 

O BNG acusa o Goberno local de inaugurar “a aula Cemit do Concello da Coruña”, un equipamento que leva anos en funcionamentoValencia sinala que “non é a primeira vez que, para ocultar a súa falta de proxectos, o Sr. Negreira recorra ao manual de propaganda do PP e anuncie aos catros ventos actuacións que son ordinarias nun Concello, como xa denunciamos coas catas arqueolóxicas ou co baldeo de beirarrúas”. “É lamentábel estarmos gobernados por un Goberno máis preocupado polas festas da cidade e por saír na prensa, se fai falta con reinauguracións, que pola situación tráxica que sofren as persoas que se atopan no desemprego e ao borde da exclusión social”, apunta.

Por último, a nacionalista lémbralle ao Sr. Negreira que “por moitas fotos que saque, por moitas festas, por moitas touradas, por moita Tall Ships Race, por moito partido de baloncesto... non poderá ocultar os graves recortes que conlevará a desastrosa situación económica nas que nos mantén inmersos o Sr. Rajoy”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]