O BNG revela que Busquets cualifica as alegacións do PP ao PXOM de erróneas, paradoxais e incomprensíbeis

A Coruña, 3 de agosto de 2012.-  O Grupo Municipal do BNG denunciou hoxe en rolda de prensa que o informe de alegacións ao PXOM contén unha crítica demoledora e contundente ao PP. Así, a concelleira Ermitas Valencia debullou o contido do informe de alegacións elaborado polo equipo redactor de PXOM, encabezado por Busquets, que será aprobado no Pleno do luns. "Paradoxalmente, o Goberno do Sr. Negreira aprobará un informe que cualifica de erróneas, de incomprensíbeis e de contrarias á normativa legal as alegacións presentadas polo PP o 18 de febreiro de 2010, durante o período de exposición pública", salientou. "Trátase dunha gran labazada de Busquets ao PP", engadiu.  

Valencia puxo de manifesto que a crítica de Busquets ao PP "é especialmente dura e contundente no que ten a ver co réxime de fóra de ordenación". O informe evidencia as mentiras e falsidades intencionadas da campaña orquestrada polo PP contra o anterior Goberno local por un asunto que, tal e como recolle Busquets no seu informe, "... parten de una consideración errónea o de una falta de distinción de los regímenes legales del fuera de ordenación...".  

O equipo redactor do PXOM desmonta as mentiras do PP respecto do réxime de fóra de ordenaciónNesta liña, apuntou que Busquets tamén considera que a posición do PP respecto do réxime de fóra de ordenación é "paradoxal" xa que "...de seguirse la tesis de los alegantes, no habría que distinguir entre los dos regímenes que instauró la LOUGA, lo que acarrearía un manifiesto perjuicio para todos los propietarios de edificios en situación de fuera de ordenación parcial que, se insiste, no sólo se produce por alturas o volumen".  

Ademais, Valencia expuxo que Busquets alerta no informe de que se o Concello estimase o defendido daquela polo PP "Sí que podría dar lugar a responsabilidad patrimonial del Ayuntamiento atender a los argumentos del grupo municipal alegante".  

"Non se lle escaparon a Busquets as falsidades do PP durante a campaña desenvolvida contra o tratamento do réxime de fóra de ordenación no PXOM, cando sinala que "....ha de dejarse constancia de que el escrito de alegaciones del Grupo Municipal Popular rectifica la hoja informativa difundida durante la fase de información pública del PGOM".  

O fóra de ordenación non era novidade do PXOM en trámite, como facía crer o PP  

Ademais, Valencia explicou que Busquets lle lembra ao PP que "Del contenido de la alegación parece desprenderse que el Grupo Municipal alegante considera que el régimen de fuera de ordenación es una novedad del PGOM en trámite, cuando resulta que durante la vigencia de todos los Planes anteriores y, actualmente, con el PGOM de 1998 y demás normativa aplicable, ya están en situación de fuera de ordenación parcial la práctica totalidad de los edificios" e que se incumpriría a Lei Galega do Solo se o PXOM non incluíse na normativa o réxime de fóra de ordenación. De feito, precisa agora o BNG, no PXOM que vai a Pleno o luns a normativa regula este réxime nos seus arts. 2.3.1 (fóra de ordenación absoluta) e 2.3.2 (fóra de ordenación parcial).   

A concelleira nacionalista salientou na rolda de prensa que "tal e como sinalara o BNG no seu momento, Busquets precísalle ao PP que "A mayor abundamiento, puede concluirse que el régimen de fuera de ordenación previsto en el PGOM en trámite es un régimen más beneficioso y con más posibilidades para los edificios afectados que el actualmente vigente. Si a ello se le une la decisión de no dejar edificios en situación de fuera de ordenación parcial por razón de altura o volumetría, es indiscutible que el PGOM en trámite llega a dejar "en ordenación" por alturas y volumetría muchos edificios que no lo están en este momento con el PGOM de 1998".  

O Goberno do Sr. Negreira aprobará en Pleno o informe de alegacións que, paradoxalmente, contén unha crítica demoledora ao PP"Contrariamente ao sinalado agora polo Goberno do Sr. Negreira, a decisión de non deixar fóra de ordenación os edificios por razón de altura e volumetría non foi do goberno actual e si do goberno anterior, tal e como se informara no seu momento", advertiu Valencia.  

O que defendía fraudulentamente o PP na oposición vai ser o contrario do que vai aprobar o propio PP no Pleno  

Ademais da labazada de Busquets ao PP no que respecta ao fóra de ordenación, Valencia sinalou que as propostas que defendía o partido do Sr. Negreira na oposición representan o contrario do que vai aprobar o mesmo PP no Pleno deste luns.   

A edil do BNG fixo un repaso ás contradicións do PP no que ten a ver cos mamotretos de Santo Amaro ou no que respecta ao porto, onde non só non se mantén a proposta para o porto senón que se suprime a obrigatoriedade de destinar o 50 por cento a vivenda protexida e se incrementan as alturas (con rañaceos de até 10 plantas). Tamén fixo alusión ao descenso da dotación para equipamentos e zonas verdes respecto do PXOM aprobado inicialmente e insistiu en que a   superficie destinada a EL (espazos libres) se reduce en case medio millón de m2 (un descenso do 11 por cento respecto do documento de aprobación inicial) en que a superficie destinada a equipamentos se reduce en 232.244 m2, un 17 por cento menos.  

Ademais expuxo que hai unha menor porcentaxe de reserva para vivenda protexida, ao preverse xa a aplicación dunha lei (a de vivenda de Galiza, publicada no DOG do 24.07.2012) pero que aínda non entrou en vigor (entrará en vigor o 18 de agosto). No que respecta á reclasificación de solo afirmou que   o novo PXOM recalifica máis dun millón e medio de m2 de solo urbano respecto do documento de aprobación inicial) e no que ten a ver coa edificabilidade deu conta do seu aumento e do incremento das alturas en determinadas actuacións. Tamén se referiu á redución de espazos libres e/ou equipamentos (como no caso do parque da Agra do Orzán, Percebeiras, As Rañas, Penamoa, Portiño, Monte Mero).  

O PP beneficia, unha vez máis, os promotores nos convenios urbanísticos   Valencia subliñou que ademais de manter os convenios urbanísticos, o PP mellorou en beneficio dos promotores as condicións urbanísticas. Puxo o exemplo das Rañas, onde se aprobará un aumento de edificabilidade e unha redución das dotacións para equipamentos e zonas verdes.   

E, a continuación, citou a ampliación da planta de Nostián, onde se incrementa a reserva de solo para este obxectivo ao pasar dos 118.133,17 m2 do previsto inicialmente aos 122.591 euros de agora. "Iso si, soprendentemente, co mesmo custo de execución; non nolo explicamos", ironizou.   

Xa, por último, aludiu ás incongruencias do PP sobre as propostas de mobilidade no entorno metropolitano, que non aparecen no PXOM.  

"Non é un PXOM acaído ao contexto actual, ao apostar por un modelo esgotado, o especulativo, que foi o que nos levou á crise actual" 

Pola outra banda, o responsábel local do BNG, Raúl Fernández, ofreceu na rolda de prensa unha visión global sobre as modificacións acometidas no PXOM e salientou que "o plan non é acaído ao contexto que vivimos, ao representar un modelo esgotado que, precisamente, nos levou á crise actual". Así, criticou que o PXOM aposte pola especulación, por máis vivendas, por reducir reduce até o 8 por cento o mínimo de vivenda protexida e por novos centros comerciais. Sobre as grandes superficies, expuxo que se trata do golpe de morte ao pequeno comercio, logo dos graves prexuízos que xa lle suporán a este sector a suba do IVE ou a liberalización dos horarios comerciais. 

Ademais, advertiu de que tampouco é o momento para aprobar o PXOM, ás presas nun pleno extraordinario no mes de agosto para ocultarlle os pelotazos urbanísticos á cidadanía. Esta celeridade, explicou Fernández, supón que se leve o PXOM a Pleno cun informe dos técnicos municipais, con data do 30 de xullo, cunha longa listaxe de erros que non foron subsanados.  

Tamén apuntou que este non é o plan necesario porque non lle dá solución aos problemas de mobilidade que sufrimos na cidade. Neste punto, incidiu en que o propio Busquets, que, como o BNG, avoga por medios de transporte por estrada, alertou de que a mobilidade na Coruña e na comarca está ao borde do colapso. O responsábel local fixo fincapé en que o PXOM, que nin sequera contempla o metro lixeiro, debería recoller medios de transporte como o ferroviario (aproveitando as infraestruturas viarias), o marítimo ou un carril bici metropolitano.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]