O BNG critica a actitude despótica do PP ao "enchufar" cargos públicos do PP familiares, amigos, veciños... ao palacio municipal para ver a Mario Casas

A Coruña, 3 de agosto de 2012.-  A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, a concelleira de Facenda, Rosa Gallego... contábanse por decenas os cargos públicos do PP que "colaron" fillos, curmáns, sobriños, amigos e demais familia á planta nobre de María Pita para ver, in situ, o preogeiro das festas, Mario Casas, que espertou unha enorme expectación entre a mocidade da Coruña.  

A concelleira do BNG Ermitas Valencia considera vergoñenta a actitude "por riba do ben e do mal" que amosou o PP, ao permitir que centos de persoas amigas de cargos públicos deste partido accederan á planta nobre para coñecer o actor mentres decenas de seareiras de Mario Casas gardaban espazo na praza de María Pita desde o mediodía para ver desde a primeira fila o pregón. Ademais, só estaba permitida a entrada aos concelleiros e a un acompañante, previo aviso ao departamento de Protocolo. É máis, a petición expresa de traballadores e traballadoras do Concello para traer acompañantes foi rexeitada polo Goberno do Sr. Negreira.   

Valencia sinala que teñen tanto dereito a coñecer o actor as amigas dos cargos políticos do PP, as secretarias de concelleiros ou mulleres de futbolistas como as mozas que ateigaban a esas horas a praza ou como familiares de traballadores e traballadoras do Concello. Máis xusto, apunta a nacionalista, sería realizar unha caste de sorteo para garantir a igualdade de oportunidades e para non ver escenas máis propias de épocas pretéritas, en que os cargos políticos convidaban só unha "elite" aos espectáculos.  

Os nacionalistas advirten de que a feira foi tal que mesmo o PP tivo que pedirlle á policía desaloxar os seus propios convidados dos corredores da planta nobreNeste contexto, a concelleira do BNG considera que non poden volver repetirse situacións tan vergoñentas como a do día do pregón, cunhas persoas privilexiadas que ateigaron a planta nobre. O circo que se montou foi tal que o PP tivo que pedirlle á policía local que desaloxara os seus propios convidados dos corredores.  

Por último, Valencia cualifica de "insultante" que o Goberno local faga crer perante os medios de comunicación que as mozas que saen nas fotografías dos xornais lograran acceder a María Pita burlando a seguridade municipal. Precisamente, non se permitiu a entrada nas dependencias do palacio municipal a ningunha persoa que non estiver recollida na lista dos amigos do PP.

Podedes ver un vídeo na seguinte ligazón

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]