O BNG reclama acabar coas axudas públicas, quer directas ou indirectas, ás touradas

A Coruña, 3 de agosto de 2012.-  O Grupo Municipal do BNG rexeita, unha vez máis, as axudas públicas, quer directas, quer indirectas, ás touradas, máxime neste contexto de fonda crise e con novos recortes que previsibelmente anunciará hoxe Rajoy. Por iso, os nacionalistas participarán mañá na concentración convocada por Galiza, Mellor sen Touradas e animan a asistir a cidadanía. A mobilización terá lugar mañá, sábado, ás 19h na Praza de María Pita.  

O Grupo Municipal do BNG considera intolerábel que o Goberno do Sr. Negreira, que prometera deixar de financiar as touradas, entregue cartos públicos a esta actividade cruenta, que non esperta o interese dos coruñeses e coruñesas. Critican os nacionalistas que o Sr. Negreira entregue estas axudas pola porta de atrás e ningún responsábel político do Goberno local dera a cara para dar conta deste financiamento encuberto, escudándose en técnicos municipais.  

Os nacionalistas chaman a cidadanía a concentrarse mañá ás 19h en María Pita contra as touradas na mobilización convocada por Galiza, Mellor sen TouradasNo que respecta aos cartos gastados polo Concello nas touradas, o Goberno local, cuxa falta de transparencia impide que se coñeza o custo exacto da feira taurina, asegurou que destinaría 35.000 euros, cantidade que o colectivo Galiza, Mellor Sen Touradas aumenta a 90.000. E é que os propios responsábeis municipais advertiron de que as corridas de touros estarían "a la altura de años anteriores".  

Os nacionalistas, ante as reiteradas falsidades declaradas por membros do Goberno local respecto da postura do BNG sobre as axudas públicas ás touradas, salientan que sempre votaron en contra de financialas cando tiveron responsabilidades parciais no IMCE e sempre se manifestaron en contra das corridas de touros. Tamén lembra o BNG que desde que goberna en Pontevedra, o Concello deixou de subvencionar as corridas de touros e que é o PP, desde a Deputación de Pontevedra, quen, cada verán, pon os cartos públicos para as touradas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]