Caxigal advirte de que periga a continuidade do mercado municipal de Elviña co cambio de usos do centro comercial

A Coruña, 2 de agosto de 2012.-  O concelleiro nacionalista Xan Caxigal informou esta mañá en rolda de prensa dos asuntos que foron esta mañá á Comisión de Contas e á de Urbanismo. Caxigal comezou advertindo de que "máis que un Pleno extraordinario, o Pleno do luns vai parecer ordinario, tanto polo volume como pola trascendencia do contido dos asuntos que se van debater". "Quizais sexa bo lembrarlle ao Goberno local o significado da palabra extraordinario ou pedirlle que revise o decreto en que se estabelece agosto como mes inhábil, máxime cando levamos varios Plenos carentes de contido", ironizou. Con todo, sinalou non sorprenderlle, "dada a improvisación á que o PP nos ten afeitos".  

Sobre a Comisión de Urbanismo, Caxigal deu conta do voto negativo do BNG ao punto sobre o cambio de uso do centro comercial de Elviña, ao considerar que se pon en risco a continuidade do mercado municipal. O edil explicou que o Goberno local alega que se trata dunha petición da concesionaria polo abandono de empresas, de xeito que se pase dun equipamento público comercial a un uso continxente. "Os propios técnicos municipais manifestaron o seu reparo a este cambio de uso nos informes", sinalou. E é que, tal e como explicou Caxigal, o uso que se lle quixer dar ao centro comercial dependería da decisión dos titulares da concesión.  

Ademais, tamén explicou o rexeitamento do BNG a outros dos asuntos que irá a Pleno: á cesión da propiedade do edificio da Fábrica de Tabacos á Xunta de Galiza sen que este agasallo supoña ningún beneficio para cidadanía. "A cesión da Fábrica de Tabacos evidencia que estamos diante do Goberno dos grandes agasallos a Copasa, á Autoridade Portuaria, á Xunta, á banca, á Compañía de Tranvías ou á Federación de Fútbol, amosando entreguismo e sumisión aos poderosos", denunciou.  

O BNG critica o dispendio do PP en festas, con 500.000 euros a maiores, e na Tall Ship Race, con outros 500.000 euros a afundir en catro días, "e isto, para narcotizar a cidadanía e para lle ocultar o pelotazo urbanístico do PXOM e todos os recortes en dereitos sociais e laborais que acomete o PP"A continuación, puxo de manifesto a postura contraria do BNG á aprobación definitiva de modificación do segundo texto refundido do Plan Parcial do sector 7 en Someso, dado que se pretende cambiar a altura e, en parte, os usos. Caxigal, que se referiu aos reparos dos informes do Concello respecto desta modificación, advertiu de que non está acreditado o motivo do cambio deste plan. Ademais, chamou a atención sobre a inusitada celeridade coa que, de súpeto, se tramita este plan, que comezou a estudarse no 2009. "Non vemos lóxico que se introduza nun Pleno extraordinario", apuntou. Pola outra banda, afirmou que "o procedente sería realizar estas modificacións no PXOM e non nun plan parcial".  

O Goberno local asegurara que as festas estaban contempladas no orzamento e tivo que facer dous modificativos de crédito  

No que ten a ver coa Comisión de Contas, Caxigal criticou que o Goberno local mentira ao principio de ano cando asegurou que as festas estaban contempladas no orzamento municipal do 2012. "Os orzamentos levan oito meses vixentes e o Goberno do Sr. Negreira fixo xa dous modificativos de crédito para suplementar cartos ao IMCE para festas", expuxo. No primeiro dos modificativos, o Goberno local restoulle 120.000 euros ao Plan de dinamización do comercio para llo transferir a festas e no modificativo que se debaterá no Pleno do luns aumentaranse 500.000 euros para o mesmo fin. "Xa vemos que o Sr. Negreira quere narcotizar a cidadanía dándolle circo para lle ocultar o pelotazo urbanístico do PXOM e todos os recortes en dereitos sociais e laborais que acomete o PP", salientou.     

Criticou Caxigal o ridículo informe en que se baseou o Goberno do Sr. Negreira para xustificar os 500.000 euros a maiores para as festas: "para facilitar que en los barrios ocurran cosas".  "A falta de coñecermos o montante total das festas, que superará o millón de euros, concluímos que se trata dun dispendio en festas á altura do período megalomaníaco de Paco Vázquez", advertiu. "E iso coa grave crise que padece a meirande parte da cidadanía, coa sangría do paro e cos brutais recortes en benestar que está a levar a cabo o PP", engadiu.  

Caxigal ve irresponsábel malgastar 122.000 euros en tapas e ceas  

Tamén se amosou crítico o concelleiro do BNG co dispendio que supón a Tall Ships Race, evento que foi comprometido polo anterior Goberno local. "Obviamente, vemos interesante que A Coruña acolla a regata de veleiros, mais rexeitamos de fronte que se dilapiden 500.000 euros de todos os coruñeses e coruñesas", apuntou. Precisamente, este modificativo de crédito suplementará 405.914 euros para a Tall Ships Race, dos que 122.000 euros van destinados a canapés e ceas.   

"Coa grave crise que padecemos, consideramos irresponsábel gastar 6.500 euros nunha cea para 92 capitáns ou 12.000 euros nun cátering", subliñou. "Estamos seguros de que prescindicindo dos gastos superfluos podería celebrarse a Tall Ships Race coa metade de cartos dos que vai gastar o PP", concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]