O BNG advirte de que o Goberno local actúa ao ditado dos promotores co aumento da edificabilidade nas Percebeiras, con torres de máis de 8 plantas e con usos terciarios na zona

 A Coruña, 2 de agosto de 2012.- O Grupo Municipal do BNG volveu demostrar esta mañá en rolda de prensa como o Goberno do Sr. Negreira está a actuar ao ditado dos promotores, con cambios substanciais no PXOM que irá a Pleno a vindeira semana. O concelleiro Xan Caxigal centrouse esta mañá en alertar da especulación no polígono das Percebeiras, en Labañou, onde o PP aumenta a superficie edificábel en 9.341 metros cadrados, é dicir, un 18,44 por cento. Ademais, inclúese o uso terciario nesta área, preferentemente baixo rasante; por exemplo, para un supermercado. 

Caxigal puxo de manifesto que o PXOM permitirá torres de máis de 8 plantas nesta área "puntualmente e de xeito xustificado" e sen que tapen as vistas da torre, tal e como recolle a documentación. "É dicir, sempre que así o decida o promotor", explicou. "Os promotores da cidade están encantados co Sr. Negreira, vendo que actúa función dos seus intereses e non en función dos intereses da cidadanía", sinalou. E apuntou que mesmo se inclúe parcialmente no novo PXOM o contido da alegación presentada pola Comisión Xestora deste polígono. 

O concelleiro nacionalista salientou o interesa que suscita entre os promotores a zona das Percebeiras. "Mesmo algún dos promotores da Agra de Santo Amaro (Conviga) pediu que lle compensaran a edificabilidade na contorna da torre por edificabilidade das Percebeiras", informou. 

Mesmo o propio Busquets considera arriscado o proxecto da contorna da Torre 

Os nacionalistas insisten na ilegalidade do cambio na contorna da Torre, no pelotazo nos peiraos (menor reserva para vivenda protexida e edificios con 10 alturas) e da aplicación da nova lei de vivenda de Galiza (con menor reserva do 40 por cento)Pola outra banda, Caxigal explicou que en resposta a unha pregunta do BNG, Busquets alertou de que os mamotretos que o PP pretende construír na península da Torre representan unha solución arriscada que podería non ser aceptada por Patrimonio. E é que o redactor do plan confirmou o revelado polo BNG: que o Goberno local lle remitiu a Patrimonio a aberración que pretende facer na Torre o 20 de xullo e que a Xunta de Galiza non deu a súa conformidade. 

"A proposta do PP para a contorna da Torre é unha auténtica aberración que só beneficia os promotores", apuntou. Engadiu Caxigal que "vai radicalmente en contra do informe de Patrimonio ao PXOM, no que expresamente se dicía que non debían executarse novas construcións neste ámbito buffer". A este respecto, criticou que o Goberno local "non só non libera a Agra de Santo Amaro de novas construcións, obxectivo que se contén nos informes de Patrimonio e da Unesco, senón que mantén un dos bloques de edificación previstos no Estudo de Detalle do 2002 (onde se prevé o uso de aparcadoiro e comercial-hosteleiro) e despraza a edificabilidade residencial a un mamotreto situado na súa maioria en terreos actualmente cualificados como espazo libre privado do plan de Adormideras. 

Ademais, sinalou que "afirmar que ditas edificacións non van ter impacto na Torre é un insulto ao conxunto da cidadania coruñesa. O impacto dunha edificación na contorna dun ben protexido como a Torre non é só o afectado polas vistas directas senón tamén polas indirectas, de xeito que os edificios, aínda que se sitúen por baixo da rasante de referencia, vanse ver tanto desde A Torre como desde o paseo marítimo, afeando o conxunto visual da Torre e afectando gravemente á súa integridade. Poida que Sr. Negreira vexa só o que lle convén mais construídos os mamotretos vanse ver, desde a Torre e cara á Torre". 

Caxigal expuxo que "o que pretende o PP é consolidar agora o espectacular pelotazo dunha recualificación escandalosa do vazquismo e da que, por certo, saíron directamente beneficiados membros do Goberno do Sr. Vázquez". 

A xustificación do goberno municipal de que o informe de Patrimonio (que prohibia expresamente, e con total claridade, novas edificacións na zona buffer) non é de aplicación á zona de Adormideras, ao estar xa construida, é unha burla ao conxunto da cidadanía coruñesa. A realidade é que a proposta do PP para a Agra de santo Amaro vaise levar a Pleno sin que estea informada previamente por Patrimonio e en manifesta violación do que Patrimonio tiña informado previamente. 

O único que tratou de boicotear o PXOM foi o PP intoxicando a cidadanía co fóra de ordenación 

Pola outra banda, Caxigal respondeu ás acusacións do Sr. Flores, afirmando que "a mala conciencia do PP cando estaba na oposición faille pensar que todas as organizacións políticas actuamos como o PP, con intoxicacións á cidadanía". A este respecto, salientou que na reunión que a Corporación Municipal mantivo onte con Busquets, o redactor do plan recoñeceu que foi o anterior Goberno quen lle buscou solución ao fóra de ordenación e, en clara alusión ao PP, sinalou que houbo quen se dedicou, intencionadamente, a intoxicar a cidadanía con falsidades respecto do fóra do ordenación. 

"Ao Goberno local moléstalle que o BNG estea denunciando, sen descanso, as barbaridades e pelotazos urbanísticos que recolle o PXOM", explicou. "E facémolo demostrando con documentación oficial e comparando o plan inicial e o provisional, como xa fixemos cos rañaceos de 10 pisos que irán no porto, coa recalificación con máis de un millón e medio de metros cadrados de solo urbano, coa barbarie da Agra de Santo Amaro que vai radicalmente en contra do informe de Patrimonio ao PXOM ou coa redución da porcentaxe da vivenda oficial até un mínimo do 8 por cento en aplicación da nova Lei da Xunta de Galiza, que entrará en vigor o 18 de agosto", engadiu. 

Caxigal criticou que o Goberno do Sr. Negreira siga ao ditado o manual do PP, que emprega as épocas vacacionais para acometer recortes e para anunciar medidas impopulares, e queira ocultarlle á cidadanía o modelo de cidade para os próximos 15 anos. "É tal o descaro do PP por impedirlle aos coruñeses e coruñesas coñecer os pelotazos do plan que o propio Busquets informou, tal e como denunciara o BNG, de que o PXOM irá a Pleno para a semana con numerosos erros sen corrixir", concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]