Carril: "Estamos vendo as dúas caras do Goberno central: a man dura coas persoas traballadoras, e a man branda e agarimosa co mercado especulador e a gran banca"

A Coruña, 22 de febreiro de 2012.-  Os concelleiros e concelleiras do Grupo Municipal do BNG reuníronse esta mañá co secretario nacional de CIG-Banca, Clodomiro Montero, e a máxima responsábel da CIG no Banco Pastor, Gladis Afonso, para tratar a situación laboral en NCG Banco e no Pastor, onde, por mor da privatización e da especulación financeira perigan centos de postos de traballo.  

En rolda de prensa posterior á reunión, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, explicou que o decreto financeiro de Guindos "supón maior concentración e maior centralización do sector financeiro, incentivando a absorción de NCG Banco por parte de grandes entidades bancarias e dando un novo golpe ao aforro galego". Así, salientou que o decreto fará que Galiza e A Coruña perdan o pouco poder de decisión financeira que lles resta ante a posibilidade do traslado dos servizos centrais e da consecuente perda de postos de traballo directos e indirectos.  

"Sendo o alcalde do mesmo partido que quen aprobou este decreto e ante a actitude pasiva da Xunta de Galiza, entendemos que debería posibionarse e actuar para que os servizos centrais de NCG Banco siga sendo galega e baixo control público e para que se manteñan na Coruña os servizos centrais do Banco Pastor", sinalou. É por iso que os nacionalistas levarán a Pleno a situación financeira.   Carril advertiu que "no período dun mes xa vimos as dúas caras do Goberno central: man dura, mesmo criminalizadora, coa clase traballadora, cunha reforma laboral que precariza aínda máis o emprego; e man branda, flexíbel e amigábel cos mercados especuladores e coa gran banca". "Precaridade para as vítimas da crise e aloumiños e axudas públicas aos responsábeis da crise", engadiu.  

Montero: "Non se pode seguir dilapidando cartos públicos en entidades privadas que para máis destrúen emprego"  

O Grupo Municipal do BNG reuniuse esta mañá cos responsábeis de CIG-Banca ante a posíbel perda de centos de postos de traballo na Coruña no Banco Pastor e en NCG BancoPola súa banda, Clodomiro Montero cualificou de "continuista" o decreto da reforma do sector financeiro ao "apoiar e fomentar que as entidades se fusionen socializando as perdas e privatizando os beneficios". Montero advertiu de que son decisións políticas as que levan á restruturación do sistema financeiro e as que levan ás fusións, de aí que sinalase que "non se pode seguir dilapidando cartos públicos en entidades privadas que para máis destrúen emprego". A este respecto apostou por que as distintas administracións públicas se impliquen para garantir o mantemento de postos de traballo.  

O responsábel da CIG-Banca criticou a concesión de avais á banca por valor de 100.000 millóns de euros no aprobada no primeiro Consello de Ministros do PP e a ampliación do capital do FROB en 150.000 millóns de euros, "son inadmisíbeis a contínua inserción de diñeiro público na banca cando se están recortando dereitos básicos e servizos sociais públicos".  

No que ten a ver co Pastor, Montero reclámalle ás administracións que colaboren para que se manteña o maior número posíbel de traballadores. E é que por mor da absorción do Banco Pastor polo Banco Popular poderían destruírse mil postos de emprego se temos en conta os servizos centrais, a rede de oficinas e mais as empresas. O responsábel da CIG-Banca apuntou que debido á absorción a carga de traballo que producen os servizos centrais do Pastor podería ser derivada a Madrid.  

No que respecta a NCG Banco, co que xa se está a negociar un ERE que afectaría a 800 persoas, a CIG pídelles ás administracións que se impliquen co fin de garantir un proxecto autónomo co poder de decisión en Galiza e baixo control público e mais os postos de emprego.  

"No Banco Pastor aínda non sabemos cales son as previsións de destrución de postos de traballo" 

Pola súa banda, Gladis Alfonso debullou ante a prensa a situación laboral do Banco Pastor por mor da absorción e censurou que "a estas alturas, o Banco Popular non nos comunicou cales van ser as previsións de restruturación e de reorganización, se vai haber prexubilacións, baixas incentivadas...".  

Afonso explicou que a CIG non asinou o acordo de bases proposto pola empresa "porque non se comprometía a garantir os postos de traballo". "Na Coruña, o devir do Pastor vai ter unha repercusión moi importante, xa que pode deixar sen emprego a máis de 1000 familias", apuntou.  

A secretaria da sección sindical da CIG no Pastor aludiu á "mala xestión" dos responsábeis do banco e solicitou que o Sr. Negreira se interese polos traballadores e traballadoras "e non mire cara outro lado, como a Xunta de Galiza".  

Esta reunión realizouse no marco de xuntanzas da CIG-Banca cos Grupos Municipais do Concello da Coruña. Montero advertiu en rolda de prensa de que a CIG non solicitará ningunha reunión co PSOE, "ao entendermos que Mar Barcón debera dimitir ao ser corresponsábel da situación laboral en que se atopan os traballadores de NCG Banco". "Barcón, desde o Consello de Administración, aplaudiu todas as decisións da Dirección que levaron ás caixas ao actual estado".  

Despois da xuntanza, os concelleiros e concelleiras do BNG participaron na concentración convocada pola CIG-Banca diante da sede de NCG Banco na Coruña.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]