O BNG denuncia a chantaxe do PP á UdC sobre a residencia universitaria
A Coruña, 9 de febreiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a Xunta de Galiza está a chantaxear a Universidade da Coruña para que acepte a xestión privada se quere contar cunha residencia universitaria. “Trátase dunha chantaxe para beneficiar o empresariado e para primar os negocios por riba da calidade no servizo público”, pon de manifesto o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril.
O nacionalista insiste na necesidade de que a Universidade da Coruña conte cunha área universitaria residencial pública, xa que a UdC é a única universidade do Estado español que carece de residencia universitaria. Carril advirte de que o proxecto de residencia universitaria pública na UdC “foi un dos programas paralizados por Feijóo cando chegou ao Goberno”.
O portavoz do BNG no Concello da Coruña, que advirte de que o modelo de financiamento privado encarecerá a construción da residencia, alude ás múltiples iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento de Galiza nas que instaba a Xunta a retomar as conversas coa universidade co fin de acordar unha xestión pública e un financiamento público, que ademais sería unha fonte de postos de traballo de calidade.
Tamén fai referencia Carril á moción presentada polos nacionalistas no Concello da Coruña en defensa dunha residencia universitaria pública, iniciativa que foi rexeitada polo PP. Precisamente, o portavoz do BNG lembra que o PP “celebrou a investidura de Negreira renunciando á residencia pública universitaria”. E é que o DOG publicaba dous días despois da toma de posesión esa renuncia sen explicar as razóns que levaron á Xunta de Galiza a tomar esa decisión.
Carril: “A Xunta debe garantir o dereito da UdC a unha residencia universitaria de xestión pública”“A xestión pública permitiría garantir que o estudantado puidese facer uso da residencia con independencia da capacidade económica”
“A UdC é algo máis que unha institución internacional académica e de investigación, a UdC é un polo de atracción, de divulgación e promoción de Galiza, da comarca, da área metropolitana e da Coruña no intercambio de profesorado, de estudantado e de persoal administrativo e de servizos”, afirma Carril, quen lembra que xa a anterior equipa de Goberno da UdC puxera en coñecemento das distintas institucións a necesidade de contar con infraestruturas propias, e unha delas é a residencia pública, que lle daría solución ao aloxamento para o alumnado e docentes quen chega de fóra e que cada vez é maior.
“Cunha xestión pública poderíase garantir que os distintos colectivos universitarios, especialmente o estudantado, puidese facer uso das instalacións e puidese hospedarse nelas con independencia da súa capacidade económica”, expón Carril.
“O dereito da UdC a unha residencia pública vai da man do dereito da veciñanza a vivir no lugar”
O portavoz do BNG no Concello da Coruña non esquece o dereito da veciñanza da parroquia de San Vicenzo de Elviña (O Castro e Elviña) a vivir no lugar. “É compatíbel a residencia universitaria pública co dereito dos veciños e veciñas a vivir na zona. O que implica, por unha banda, o dereito ao realoxo no lugar e, pola outra banda, o dereito a vivir nunhas condicións dignas, que non se están a dar neste momento porque a zona se atopa moi degradada”, engade.
Carril advirte de que “non ten sentido expropiarlles aos veciños as súas terras e as súas casas para a construción dunha área residencial privada e con ánimo de lucro, no lugar dunha área residencial universitaria concibida como un servizo público e xestionada pola propia universidade”.


