O goberno local sigue acumulando débedas coas empresas subministradoras de materiais e servizos
Cervo, 2 de marzo de 2010. O goberno local de Cervo sigue sen abonar as débedas pendentes cos seus provedores de materiais e servizos segundo se desprende de notificacións de débedas por parte de varias empresas provedoras de materiais e servizos. Os nacionalistas denuncian que o goberno local ten as maiores débedas coas empresas subministradoras de enerxía eléctrica a pesar de figurar orzamentadas como gasto corrente, polo que compre preguntarse que fai o goberno local co diñeiro destinado a este fin.
Unha das compañías eléctricas segue reclamando en 2010 os mesmos 200.000 euros que demandaba en 2009.
O BNG denunciou que existen reclamacións económicas que non variaron a súa contía dende 2009 polo que non se abonou cantidade algunha para a súa amortización, para o portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, “non se entende como un gasto corrente como o consumo eléctrico que está orzamentado non se abona nos prazos que corrresponde e permítese a xeración de intereses de mora”, o nacionalista puxo como exemplo unha reclamación de 201.000 euros presentada no mes de xaneiro que se mantén no mesmo estado dende fai un ano a pesar de non existir nova facturación, polo que practicamente non se abonou nada e a débeda sigue xerando intereses.
Ademais das débedas coas empresas privadas o goberno local acumula débeda tamén con outras administracións
O BNG detectou reclamacións por impagos de compromisos contraídos con múltiples empresas de servizos e materiais, entre os que seguen presentándose figuran bufetes de avogados, medios de comunicación, empresas de subministros de materiais informáticos, mecánicos, subministro eléctrico con varias empresas, etc. A estas hai que engadir que o concello ten pendentes de pago facturas de SOGAMA por mais de 43.000 euros, coa Deputación de Lugo por 130.000 euros acumuladas dende o ano 1999, ademais de 1,8 millóns de euros procedentes das compensacións pola segregación de Burela dos que non se fixo ningún abono e agora o goberno local pretende abrir un novo período de carencia.
Cervo e un concello con recursos orzamentarios mais ten un goberno incapaz de xestionalos con rigor
O nacionalista acusou ao goberno local de crear a imaxe de que Cervo e un concello moroso e incapaz de xestionar un volume orzamentario que para si quixeran outros que contan con moitos menos ingresos, Estúa cualificou de inxusta a intención do goberno local de facer pagar aos veciños e veciñas as consecuencias da súa nefasta xestión económica, o portavoz nacionalista fixo mención ao Plano Económico-Financeiro aprobado no último pleno polo PP en solitario que incrementa os impostos e taxas municipais ate os límites fixados por lei e recorta as axudas a asociacións e colectivos sociais; mentres tanto, o concello ten dereitos pendentes de cobro por 4,4 millóns de euros.