O BNG pídelle ao PP menos anuncios e mais realidades

Cervo, 19 de xaneiro de 2010. O BNG saíu ao paso das declaracións do alcalde de Cervo  nas que en compaña da Conselleira de Benestar anunciou a construción dun Centro de Dia e Residencia en San Cibrao. Para o BNG a creación deste equipamento en Cervo e moi positiva xa que dende fai tempo e unha necesidade vital para o concello, o lamentábel e que se pretenda converter nunha realidade o que hoxe aínda e un anteproxecto  susceptíbel de modificacións, sen fondos para a súa execución e sen aclarar como se vai financiar o seu funcionamento.

O PP de Cervo perdeu catro anos con esixencias imposíbeis que agora pasan á historia

O portavoz municipal do BNG, Xoán Estúa, manifestou a necesidade dun equipamento social que atenda as necesidades dos e das maiores cervenses que precisan de atención especializada e de calidade cun servizo de carácter público, neste sentido considerou  boa noticia que agora o goberno local admita esta necesidade que negou nos últimos catro anos ao non querer admitir o modelo de xestión impulsado polo anterior goberno galego medíante o Consorcio de Igualdade e Benestar  ao que o PP nunca se quixo adherir, castigando con elo á cidadanía cervense sen un servizo necesario e imprescindíbel. O PP dedicouse durante catro anos a poñer atrancos ao anterior goberno con condicionantes tales como a esixencia de construción dun Centro de Día en cada Parroquia do concello, lembrou Estúa.

De momento o único que hai e un anteproxecto sen prazos de execución nin fondos para financialo

O BNG aclarou que a Conselleira e o Alcalde “o único que teñen a día de hoxe e un anteproxecto financiado con cargo ao Plan Concertado e aínda obxecto de revisión que nin está aprobado, nin conta con financiamento para a súa execución e moito menos se sabe cal vai ser o modelo de xestión e por tanto que administración se vai facer cargo da súa dotación de equipamentos e persoal.” O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, lembrou que de momento a Consellaría de Benestar só financiou a redacción do anteproxecto cun investimento de 58.000 euros medíante un convenio con cargo ao Plan Concertado, “un sistema curioso para este tipo de investimentos xa que o Plan Concertado financia servizos e non equipamentos como e o caso de Cervo”

As persoas maiores de Cervo non queren maquetas de  xoguete senón realidades

“Estúa pediu ao Alcalde que antes de expoñer publicamente edificios de xoguete que diga cando e con cargo a que partidas se vai financiar a execución das obras xa que nos orzamentos 2010 da Consellaría de Benestar non figura ningunha partida especifica para este fin”, desta maneira pediulle ao alcalde moderación nos arrebatos propagandísticos, “recomendándolle a Villares que dedique os seu tempo e esforzos á execución da obra e non a exposición de maquetas para  autobombo e propaganda”

Os nacionalistas queren un modelo de xestión pública e non admiten atallos privatizadores

Moitas mais dúbidas ten o BNG en canto ao modelo de financiamento do persoal que deberá atender un equipamento de estas características, “si xa o sistema escollido para financiar a redacción do anteproxecto e cando menos estraño, ou que a propia Conselleira aínda non sabe como se vai financiar a súa construción, moitas mais dúbidas temos  a respecto do modelo de xestión e como vai ser financiado o persoal para o seu funcionamento”, afirmou Estúa. O portavoz nacionalista advertiu que “non serven atallos privatizadores”,  lembrando que o pouco que fixo o PP en materia social no anterior goberno de Fraga,  foi  usar fondos públicos para construír equipamentos sociais que despois foron privatizados. Neste sentido agarda que se aclare o modelo de xestión e como se vai financiar o seu mantemento.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]