A Deputación de Lugo acorda apoiar a Cerámica de Sargadelos de Cervo para asegurar a súa continuidade

LUGO, 2 de xullo de 2009. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, informou na mañá de hoxe venres, no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, do acordo tomado pola Deputación de Lugo no que se ratifica o apoio necesario desta institución á Cerámica de Sargadelos de Cervo, para tratar de que as dificultades polas que está atravesando a empresa se superen de xeito que quede garantida a súa continuidade. Este acordo tomouse, segundo Bao “coa finalidade de evitar o peche da empresa debido ao seu carácter representativo para a provincia de Lugo e toda Galiza, tendo en conta ademais o número de traballadoras e traballadores que se verían afectados” se Cerámica de Sargadelos cesase na súa actividade en Cervo.

Este acordo subscribiuse, segundo explicou Antón Bao, logo de recibir a Deputación un acordo da corporación municipal de Cervo no que se solicitaba a intervención das administracións para evitar o peche de Sargadelos. Esta moción que chegou á Deputación fora presentada polo BNG de Cervo e, trala súa aprobación no pleno municipal, foi trasladada ao organismo provincial, que tomou a decisión de ratificar este acordo esta mesma semana para evitar o peche da histórica fábrica de cerámicas, feito que se fai público hoxe. Antón Bao lembrou que Cerámicas de Sargadelos, sumida nun ERE temporal por mor da crise económica actual e o descenso na venda dos seus produtos, “é un modelo empresarial refundado polo galeguismo que durante dous séculos se erixiu como icona dunha cultura, a galega, a través da súa imaxe e traballo na cerámica” pero que ademais de símbolo foi un “importantísimo elemento avivador da cultura propia de Galiza, como dá boa mostra a posta en marcha dunha editorial como Ediciós do Castro, o museo galego de arte contemporánea Carlos Maside, a Escola de Cerámica ou a rede de Galerías”. Non en balde, “Sargadelos erixiuse como unha industria artística que identifica a Galiza no mundo enteiro, constituíndo unha rama importante do noso acervo cultural que debe ser apoiado polas institucións”, sinalou o vicepresidente Antón Bao.

Por estas razóns, xunto á singularidade do traballo manufactureiro que emprega a un número elevado de mulleres, colectivo que por outra banda está máis exposto ao desemprego, Antón Bao considerou que a Deputación obrou, segundo o agardado, tal como a situación o esixía, subscribindo este acordo para “apoiar perante as dificultades un modelo de xestión empresarial e artística tan importante para o pobo de Cervo, Lugo e o conxunto de galegas e galegos”.

Doutra banda, o vicepresidente da Deputación confirmou que se viña de aprobar na Xunta de Goberno desta mañá o aboamento de subvencións ás entidades culturais pola realización de actividades culturais correspondentes co período do ano 2008. Este pagamento corresponde, polo tanto, ao proceso de concorrencia competitiva do ano pasado para aquelas entidades culturais que solicitaron subvención nese proceso. Na Xunta de Goberno, sinalou Antón Bao, aprobouse un primeiro pagamento a 62 entidades culturais cun importe total de 77.106,58 euros.

Outros asuntos

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, o vicepresidente Antón Bao tamén deu conta doutros asuntos tratados que se corresponden con diversas actuacións da Área de Cultura e Deportes da Deputación en materia de infraestruturas deportiva, e da Área de Benestar no que afecta ao Centro Residencial e Rehabilitador San Rafael.

Antón Bao anunciou que se procedeu á aprobación do gasto para materializar o convenio co Concello de Riotorto por un importe de 305.331,80 euros, para a ampliación e reforma do pavillón polideportivo municipal. Bao sinalou que “este convenio vai dar lugar a que comece o proceso para materializar as melloras que nos demandaron desde o Concello de Riotorto sobre este polideportivo municipal, para convertelo nun pavillón de usos múltiples que permita a práctica deportiva nunhas condicións aceptables e tamén desenvolver alí outro tipo de actividades”.

Aprobouse, do mesmo xeito, outro convenio co Concello de Guitiriz para realizar diversas melloras no campo de fútbol A Veiga. Estas instalacións deportivas presentaban deficiencias na súa superficie de xogo e noutras infraestruturas polo que, mediante este convenio que se aprobou, “poderase optimizar o terreo de xogo, incidir sobre o sistema de captación de augas e realizar outras obras menores que acondicionarán o campo municipal de fútbol de Guitiriz”, indicou Bao.

Na mesma liña, esta vez mantendo o compromiso dun convenio asinado polo anterior goberno da Deputación, ratificouse o convenio co Concello de Becerreá para a construción das piscinas e a área recreativa por un importe de 775.681 euros, polo que se procede á aprobación do expediente de contratación e o procedemento de adxudicación.

Para rematar, hai que indicar que na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno tamén se deu conta da adxudicación á empresa GARELEK ELECTRIDADE do contrato de subministración dun grupo electróxeno de arranque automático para o Centro Residencia e Rehabilitador San Rafael  por un importe total de 40.472,40 euros. Con isto preténdese paliar unha das moitas deficiencias nas infraestruturas que se herdaron de anos atrás e no que tivo que investir unha partida orzamentaria moi importante a Área de Benestar da Deputación.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]