O BNG porá en práctica os orzamentos participativos e permitirá o control e a participación veciñal en asuntos trascendentais da vida municipal

Cervo, 12 de maio de 2011. O BNG explicou hoxe que a democratización na xestión dos recursos municipais e fundamental para recuperar a confianza da cidadanía nas institucións e na propia clase política. Neste sentido o candidato nacionalistas á alcaldía cervense, anunciou que o BNG creará un regulamento de participación cidadá onde as diferentes entidades asociativas do municipio terán voz e voto. Na mesma liña porán en marcha os orzamentos participativos que permitirá á cidadanía decidir cales son as prioridades de investimento nas súas parroquias ou núcleos de poboación, ano a ano.

Regulamento de Participación Veciñal e Orzamentos Participativos.

O candidato á alcaldía nacionalista, Xoán Antón Estúa, explicou hoxe que o BNG garantirá a participación democrática da cidadanía na toma de decisións e control da administración local, “poñendo en marcha os orzamentos Participativos onde a xente decidirá as prioridades de investimento dunha parte do orzamento municipal parroquia a parroquia.” . O nacionalista explicou que se creará un Regulamento de Participación Veciñal e promoverase a creación de entidades asociativas, onde non existan, para ter interlocutores válidos que teñan como función principal a defensa dos territorios onde operen e sexan representativas do conxunto da sociedade no órgano de decisión que será ordenado polo Regulamento de Participación Veciñal de nova creación.

A participación democrática da cidadanía non pode circunscribirse unicamente aos procesos electorais.

Para os nacionalistas “é fundamental para recuperar a confianza da cidadanía nas institucións que os gobernan e na propia clase política, crear dinámicas e mecánicas que propicien a participación directa e diaria da xente no control, consulta e toma de decisións sobre asuntos que lle competen”. Para Estúa “a participación democrática da cidadanía non pode circunscribirse unicamente aos procesos electorais, isto ten que ser unha cuestión cotiá”

Recuperación do Consello Municipal do Ensino e creacións da Muller, Deporte e Cultura.

Na mesma liña de participación democrática, o BNG recuperará o funcionamento do Consello Municipal do Ensino e promoverá a creación do da Muller o Deporte e a Cultura como entidades consultivas á hora de elaborar proxectos, planos e orzamentos para por en práctica as políticas municipais dirixidas a estes ámbitos sociais.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]