O BNG traslada ao Parlamento a demanda para limpar os lodos acumulados no encoro de Rúa que abastece de auga a Cervo e Burela

O BNG de Cervo e Burela por medio de Neves Cando e Xoán Antón Estúa criticaron o incumprimento do compromiso incluído no proxecto de abastecemento de auga aos concellos de Cervo e Burela derivado das compensacións pola segregación dos dous concellos en 1995. Os nacionalistas lembraron que foi un goberno autonómico do PP o que asinou a segregación, prometeu garantir un abastecemento de auga sen custe algún para os cidadáns, comprometeron un proxecto ambicioso, dragando o encoro de Rúa para evitar os bombeos de auga desde o encoro de Río Covo polo elevado custe de explotación e agora vemos como haberá que pagar a obra e os bombeos cando sexan necesarios, trasladando aos veciños e veciñas dos dous concellos os incumprimentos dos compromisos dos gobernos autonómicos do PP de antes e de agora.

Os veciños de Cervo e Burela pagarán a auga mais cara do país

Ambos representantes nacionalistas explicaron que o proxecto de abastecemento contemplaba incrementar a capacidade do encoro de Rúa, diminuída nun 25% por acumulación de lodos, xa que este depósito permite pola súa altura abastecer por gravidade aos dous concellos e só se utilizaría a captación alternativa dende Río Covo en casos excepcionais polos elevados custes de explotación derivados da necesidade de bombear auga á planta potabilizadora da Senra. A negativa do actual goberno galego de executar o dragado repercutirá necesariamente no prezo dos recibos  polo que os veciños de Cervo e Burela pagarán a auga mais cara do país ao incluír a obra, os elevados custes de explotación e a suba prevista na nova Lei de Augas aprobada recentemente polo PP.

Os dous concellos aprobaron acordos plenarios esixindo o dragado do encoro de Rúa

Os plenos das corporacións de Cervo e Burela acordaron no mes de novembro pasado instar á Xunta de Galiza a executar o dragado da presa de Rúa e curiosamente no mesmo mes a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias, anunciaba a execución da obra. Aínda así, nin os orzamentos autonómicos para 2011 incluíron partida algunha para esta obra,  nin o PP no Parlamento Galego aceptou aprobar unha emenda nacionalista para incluír unha partida económica para este fin.

O PP terá a oportunidade de decidir si quere ou non evitar que Burela e Cervo paguen a auga mais cara que os demais concellos do país.

Cando e Estúa anunciaron a presentación dunha iniciativa parlamentar na que se insta á Xunta de Galiza a executar no prazo de seis meses o dragado do encoro de Rúa. Os nacionalistas afirmaron que despois da petición de ambas corporacións e os anuncios feitos públicos pola Delegada Territorial da Xunta en Lugo, non sería comprensíbel un voto negativo a esta petición que ademais de recuperar o que xa estaba previsto con anterioridade, evitará que á cidadanía de Cervo e Burela paguen a auga mais cara do país.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Arquivo a descargar
  • Arquivo a descargar