O BNG pide a Balseiro que deixe de mediar no ERE de Sargadelos á vista dos froitos negativos para os intereses do cadro de persoal en Cervo

Cervo, 30 de setembro de 2010. O BNG cualificou de patética a mediación do Tte. De Alcalde e Parlamentar, José Manuel Balseiro, que despois de mediar coa súa presenza en reunións do Comité de Empresa e da dirección da planta de Sargadelos na Inspección de Traballo en Lugo o resultado foi negativo para os interese do cadro de persoal da planta cervense ao contrario do sucedido na do Castro. Os nacionalistas pediron a Balseiro que deixe de mediar e acusárono de enganar aos seus veciños ao presentar unha emenda no debate parlamentar que non recollía o mantemento dos postos de traballo en Sargadelos nin o rexeitamento do ERE tal como se aprobou por unanimidade, incluído o seu voto, no pleno de Cervo.

O BNG pide a Balseiro que deixe de mediar en Sargadelos xa que con estes amigos para que queremos inimigos.

O BNG criticou a baixeza moral do Tte. Alcalde e Parlamentar popular, José Manuel Balseiro, que diante da prezenza no debate parlamentar de moitas persoas afectadas por despedimentos en Sargadelos, foi incapaz de manter a súa postura en Cervo de rexeitar o ERE proposto pola dirección da empresa en Sargadelos, que recolle o despedimento de 26 persoas, e xa foi informado favorabelmente pola Inspección de Traballo de Lugo, presentando unha emenda que unicamente busca derivar responsabilidades a outras administracións dando por feitos os despedimentos e eludindo a realidade, xa que será a Consellaría de Traballo quen decida finalmente sobre a súa aceptación. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa cualificou de “patética” a intervención de Balseiro, “a quen lle pediu que deixe de mediar xa que con estes amigos para que queremos inimigos, Balseiro pasou de querer ser o campión que ia salvar todos os postos de traballo en Cervo a xustificar os despedimentos nun ERE inxusto e desproporcionado”

Reclamación de coherencia á Consellaría de Traballo xa que en situacións semellantes non pode haber resolucións diferentes.

Os nacionalistas reclamaron coherencia en relación á resolución dos expedentes dos EREs presentados no Castro e Sargadelos, “diante de situacións semellantes non se poden dar resolucións diferentes”, co agravante de que a propia dirección da empresa recoñece unha situación económica mellor en Sargadelos que en Sada. Neste sentido volveron esixir á Consellaría de Traballo un posicionamento claro na resolución definitiva dos EREs presentados, “ratificación do ERE do Castro e non aceptación do de Cervo” pola existencia de argumentacións contrapostas entre a Inspección de Traballo de Lugo e a da Coruña, que neste último caso xa foi ratificada en primeira instancia pola Delegación Provincial de Traballo ao observarse que “non quedan suficientemente acreditadas as causas alegadas pola empresa”

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Arquivo a descargar