Asociacións de doentes apoian as demandas da Plataforma Sanitaria da Mariña

A Plataforma Sanitaria da Mariña mantivo na xornada do luns unha xuntanza en Burela con colectivos de doentes da Comarca da Mariña con quen compartiu análise e preocupacións sobre a problemática que se está a xerar na zona coa progresiva perda de servizos sanitarios e a centralización de boa parte dos mesmos en Lugo. Na mesma reunión representantes de ALCER(Asociación Lucense de Enfermos Renais), Asociación de Diabéticos da Mariña, Asociación  Mariñá de Fibriomialxia e a Asociación Camiña de diminuídos psíquicos mostraron o seu apoio a manifestación convocada para este Sábado en Burela á que acudiran portando pancartas de cada un dos colectivos.

Segundo informou hoxe Pilar Méndez “os colectivos de doentes expresaron a súa  preocupación polo novo modelo de xestión que pretende aplicar a Consellaría de Sanidade, na medida que significaría deteriorar a calidade existencial da Comarca e agravar un problema que xa se da hoxe con algúns destes colectivos que xa se teñen que desprazar a Lugo para seguir os seus tratamentos. Neste sentido os representantes de ALCER indicáronos que xa son cinco os doentes da Mariña que se teñen que desprazar a Lugo para facer diálise”. Pilar Méndez afirmou que a Plataforma inclúe entre as súas reivindicacións unha proposta que expuxeron na reunión os representantes de ALCER de que no Hospital da Costa se establezan tres quendas de hemodiálise como xa acontece en Coruña ou Lugo, na contra das dúas actuais, o que permitiría que a totalidade dos enfermos renais da Mariña puidesen seguir o seu tratamento en Burela.

Na mesma xuntanza os colectivos de doentes criticaron as molestias e os gastos que representa o feito de que como consecuencia da perda progresiva de servizos do Hospital de Burela cada día membros destes colectivos se teñen que desprazar con máis frecuencia a Lugo, Coruña e Santiago, o que interpretan como unha táctica deliberada por parte da administración de cara a centralización e privatización sanitaria. Neste sentido coincidiron na necesidade de que o camiño a percorrer debe ser todo o contrario, isto é dotar de máis medios materiais, asistenciais e humanos ao Hospital da Costa, lamentando que a Xunta de Galiza non proceda a executar o plano estratéxico do hospital que entre outras cuestións recollía  a ampliación real do Hospital da Costa en número de camas, a implantación da Unidade de Oncoloxía, a ampliación de Hemodiálise, o pleno funcionamento da Consulta Maior Ambulatoria, unha Resonancia Magnética fixa, a hospitalización a domicilio e a posta en funcionamento dos servizos de tarde.

Pilar Méndez indicou que “ a presenza na xuntanza onte en Burela da case totalidade dos colectivos de doentes da Mariña así como o apoio por parte dos mesmos á manifestación que se vai celebrar o Sábado en Burela significa que a preocupación pola problemática sanitaria na zona, non é un invento desta plataforma, senón unha realidade sentida por amplos sectores da poboación. Ninguén mellor que os propios doentes, os que a cotío usan o Hospital da Costa para avaliar se efectivamente o problema existe ou non, e a vista da posición destes colectivos poucas dúbidas deben quedar”. Méndez destacou tamén que a Plataforma segue a sumar cada día máis apoios de cara a manifestación do Venres até o punto de que nunha semana e media teñen xa aderido máis de 1000 persoas o perfil de facebok co que conta a mesma nas redes sociais.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]