O BNG insiste en que Cervo sigue sendo o segundo concello de Galiza en débeda por habitante e o primeiro de Lugo pola mala xestión económica do PP

Cervo, 2 de xuño de 2010. O BNG insiste nas súas criticas á xestión económica do PP en Cervo que cualificou de desastrosa xa que un concello que encabeza as listaxes de débeda bancaria cando ten capacidade de recadación e non a executa non pode presumir de boa xestión económica, neste sentido encadraron os dereitos de difícil recadación mostrados pola liquidación de 2009 que deron como resultado  3,39 millóns de euros. Os nacionalistas ademais puxeron as cousas no seu sitio ao cualificar de falsas as expectativas da concelleira de facenda sobre recuperación económica a conta de novos impostos aplicados a multinacionais xa que estas xa se encargaron nos xulgados do contencioso administrativo de paralizar as novas ordenanzas fiscais e outras que xa existían polo será a cidadanía de a pé a que pague a actuación irresponsábel no económico do goberno do Partido Popular de Cervo.

O Plano de Saneamento Económico van pagalo os de sempre

O BNG pediulle á concelleira de facenda de Cervo que diga a verdade aos veciños e lles explique que o Plan de Saneamento Económico de Cervo e unha falacia derrubada polos contenciosos administrativos presentados nos xulgados polas empresas multinacionais afectadas que teñen paralizada a aplicación das novas ordenanzas. O portavoz municipal nacionalista pediulle a Chelo Gallego que baixe da nube, as previsións incluídas no Plan para cobrar  321.000 euros da taxa de vías e voos a unha empresa eléctrica non se produciu e a nova ordenanza que grava o uso de dominio público polas empresas de telefonía móbil foi recorrido  no contencioso administrativo por tódalas empresas afectadas;  pola contra o incremento nas taxas correspondentes a ordenanzas de efecto directo sobre os cidadáns de a pé xa están en marcha ou vanse aplicar en breve, incremento no Imposto Sobre Vehículos de Tracción Mecánica, incrementos nas taxas polo servizo de saneamento e auga, incremento na taxa por ocupación de vía pública, incremento no imposto sobre construcións, instalacións e obras.

A capacidade de financiamento existe outra cousa e que se execute realmente ou que o goberno local xogue á ruleta co diñeiro dos veciños
 
A liquidación do orzamento 2009 puxo ao descuberto 3,39 millóns de euros de dereitos pendentes de exercizos pasados e correntes de difícil recadación ao non ao non abrirse a reclamación executiva sobre estes dereitos polo que boa parte deles deberán ser anulados. Os nacionalistas ademais lembraron que unha promotora ten unha débeda pendente co concello de 1,3 millóns de euros froito do Convenio de Infraestruturas e Servizos, “que non contiña garantías de pago e con esta empresa en quebra, ese ingreso non se vai producir”, polo que Estúa responsabilizou ao goberno local de xogar á ruleta co diñeiro dos veciños.

138.461 euros anuais menos do fondo de cooperación local para amortizar a débeda da segregación de Burela

Os nacionalistas fixeron mención á necesidade de devolución de 1,8 millóns de euros á Xunta pola compensación da segregación de Burela que empezou a amortizarse en 2009, para Xoán Estúa os 4,34 millóns de euros de débeda bancaria deben incluír esta débeda coa Xunta que supoñen unha amortización anual de 138.461 euros mediante retencións do fondo de cooperación local que os nacionalistas lembran non debería producirse xa que os compromisos do goberno de Manuel Fraga de que a segregación non tería custes para os concellos segregados quedaron en papel mollado co visto bo do Partido Popular.

A débeda non inclúe os pagos a provedores de materiais e servizos que segue acumulando intereses por demora nos pagos

O BNG non esqueceu a constante reclamación de empresas provedoras de materiais e servizos que seguen reclamando intereses por demora nos pagos, neste sentido fixeron mención á reclamacións existentes nos meses de abril e maio, no primeiro 79.500 euros e no segundo 48.400. A Estúa preocúpalle especialmente o pago de intereses por demora naquelas facturas para as que os orzamentos recollen partidas específicas e non deberían ter retrasos no seu abono, polo que pediu á concelleira de facenda que deixe de botar balóns xa que esta actitude vaille ao peto ao conxunto dos veciños e veciñas de Cervo.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]