Mentres os cidadáns se apretan o cinco o goberno local desaproveita os recursos municipais con demolicións de instalacións públicas que farían un gran servizo aos cidadáns
Cervo, 19 de marzo de 2010. O BNG criticou o empecinamento do goberno local en defender a demolición de instalacións públicas como e o centro de infantil do Rivera Casás que podería ser reutilizado como gardería municipal, na mesma liña acusaron ao PP de non defender os intereses veciñais ao non aceptar a proposta de construír en terreos que hoxe ocupa o Rivera Casás o Centro de Día Residencial para evitar o traslado das persoas maiores usuarias dese servizo á periferia da localidade, concretamente no interior das instalacións deportivas da Veiga onde se perderán 2.000m2 de solo dotacional para usos deportivos.
O PP sigue empeñado en demoler infraestruturas públicas aínda que sexa en contra dos intereses veciñais.
O goberno local rexeitou cos seus votos a emenda presentada no pleno de hoxe polo BNG á proposta da alcaldía para o cambio de usos da parcela de 4.500m2 que hoxe ocupa o CEIP Rivera Casás na que se procederá á demolición de todas as infraestruturas alí incluídas para construír no seu lugar unha praza pública. Os nacionalistas defenderon unha proposta alternativa na que se incluía manter o actual centro de infantil e a súa parcela anexa para unha gardería, a construción do Centro de Día Residencial no espazo que hoxe ocupa o edificio central e a pista deportiva na conato de levala a instalacións deportivas da Veiga e unha gran praza pública anexa ao paseo da ría de 2.000m2 que triplicaría as dimensións da actual praza da Casa da Cultura.
A negativa do PP a aceptar esta proposta non favorece a ninguén.
O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, argumentou que “4.500m2 dan para moito e as administracións non están para dilapidar os recursos públicos senón para xestionalos con moderación e eficacia”. O nacionalista referiuse ás intencións do goberno local de demoler todo o equipamento do Rivera Casás e a construción dunha praza que ocupará todo ese espazo, “un proxecto que descoñecemos e para o que non existe financiamento nin en Cervo nin noutras administracións pola situación económica que vivimos”. Para o BNG non ten sentido pretender construír un Centro de Día Residencial en terreos deportivos da Veiga que se perderían, cando hai espazo suficiente no centro do pobo de San Cibrao sen ter que mandar ao maiores á periferia, “no centro do pobo terían paseos, praia, un parque e xerarían consumo no comercio e na hostalaría local”, recalcou Estúa, quen tamén acusou ao goberno local de “pouco razoábel ao prescindir coa súa demolición” dun edifico como o centro de infantil xa construído que ben podería ser utilizado como gardería, algo ao que debe aspirar a corporación e os veciños e veciñas de Cervo. Con estas dúas infraestruturas neses terreos aínda quedaría espazo para unha gran praza pública a carón do paseo do da ría con 2.000m2 de superficie que triplicaría as dimensións da actual praza da Casa da Cultura. Para Estúa a actitude do PP negándose a aceptar a emenda nacionalista “non favorece a ninguén, nin aos maiores, nin ás nenas e nenos, nin ao deporte, nin á hostalaría e o comercio que terían un incremento no consumo dos residentes eu usuarios da futura residencia”.