O BNG agarda que o PP dende a Xunta demostre mais interese polo patrimonio que o goberno cervense

Cervo, 11 de maio de 2010. O BNG cervense agarda que o PP na Xunta de Galiza sexa mais respectuoso co patrimonio que o demostrado polo goberno local. Os nacionalistas lembraron que até o momento descoñécense as intencións do goberno galego en relación ao Castro da Atalaia, si se vai conservar in situ, si se van ampliar as escavacións, ou como pretende resolver o futuro do xacemento co propietario dos terreos privados con licenzas de construción concedidas

Xa non existe discusión sobre si na Atalaia hai un castro ou non, o debate está na súa recuperación, consolidación e aproveitamento como recurso cultural e turístico.

Os nacionalistas fixeron fincapé na importancia do xacemento, “avalado xa por numerosos informes arqueolóxicos”, custou moito chegar a onde estamos” sinalou o portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, que lembrou os tempos nos que o goberno local negaba a súa existencia; “agora ninguén nega que exista castro na Atalaia, o debate está na súa importancia como recurso cultural e turístico para o concello”. Estúa reforzou esta idea ao lembrar que foi o goberno local quen concedeu tres licenzas de construción na zona sabendo que había restos arqueolóxicos, non informou ao promotor desta circunstancia e non solicitou informes previos a Patrimonio antes da súa concesión”; a maior afondamento o nacionalista fixo mención ao recurso que o goberno local presentou en 2007 contra o inventariado do castro pola Dirección Xeral de Patrimonio.

O actual goberno galego aínda non tomou ningunha decisión sobre como se vai protexer o xacemento no futuro.

Estúa apuntou que “todas as actuacións levadas a cabo na Atalaia até o momento foron ordenadas polo anterior goberno galego”, a paralización das obras executadas polo promotor para a construción de 100 vivendas, todas as escavacións arqueolóxicas que financia o promotor, e os seus informes correspondentes; “de momento o actual goberno non fixo nada e agardamos que vaia nunha liña mais positiva que a demostrada polo goberno local que permitiu esbandallar unha parte do xacemento ao incumprir unha orde de Patrimonio”.

Os nacionalistas insisten nun acordo necesario entre promotor e administracións para salvar o xacemento.

O BNG volveu insistir na necesidade dun acordo entre o promotor e as administracións públicas a fin de salvar o xacemento, “a solución mais beneficiosa para a administración pública e a permuta de solo e dereitos urbanísticos”, vímolo dicindo dende fai tempo, apuntou Estua, quen tamén lembrou que o PP por medio do seu parlamentar e concelleiro en Cervo, José Manuel Balseiro, defendía noutro tempo a adquisición dos terreos ao promotor, “non sabemos se agora segue na mesma liña ou cambiou de parecer”; o nacionalista fixo mención a dúas iniciativas neste sentido presentadas polo popular, unha no concello de Cervo e outra no Parlamento.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]