O BNG anuncia unha batería de iniciativas parlamentares sobre o castro da Atalaia
Cervo, 25 de marzo de 2010. O BNG de Cervo anunciou a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para coñecer as intencións dos actuais responsábeis da Xunta de Galiza en relación a este xacemento arqueolóxico inventariado pola Dirección Xeral de Patrimonio en abril de 2007. Os nacionalistas lembran que a última resolución en relación a este xacemento foi ordenada polo anterior goberno en marzo de 2009 para a realización dunha escavación arqueolóxica en área co fin de rematar o estudo do castro que a anterior Consellaría de Cultura pretendía conservar in situ.
Dende o cambio de goberno descoñécese trámite algún en relación a este xacemento castrexo
A última resolución da Xunta de Galiza en relación ao Castro de Punta Atalaia en San Cibrao ven de marzo de 2009, cando a anterior Dirección Xeral de Patrimonio resolvía a escavación arqueolóxica en área de varias parcelas de propiedade privada correspondéndose estas con dous expedentes de edificación neste momento paralizados. Os nacionalistas descoñecen si estes estudos están definitivamente rematados e si existe o informe correspondente e tamén se descoñece cales son as xestións realizadas pola Consellaría de Cultura a fin de preservar este xacemento e a súa posta en valor.
As iniciativas nacionalistas van dirixidas a coñecer a situación actual do expedente aberto pola Consellaría de Cultura para o estudo e conservación do xacemento, informes arqueolóxicos dos traballos realizados e situación urbanística das licenzas de construción concedidas polo concello de Cervo para 100 vivendas nos terreos ocupados polo castro.
O BNG agarda que o actual goberno manteña as intencións do anterior de conservar in situ este xacemento
O BNG agarda a boa disposición do actual goberno galego para a conservación in situ do xacemento arqueolóxico e a súa posta en valor, tal como tiña anunciado a anterior Dirección Xeral de Patrimonio. Neste sentido o portavoz municipal, Xoán Estúa, reclamou acordos entre o concello de Cervo, o promotor e a Xunta de Galiza para buscar unha solución que faga compatíbel a protección do patrimonio e os dereitos urbanísticos adquiridos”. “Para o BNG débese ter en conta que o Castro da Atalaia non e só un ben cultural a preservar, senón tamén un recurso turístico de gran relevancia para o concello”, precisou Estúa.
O BNG celebrou a aparición de novos restos de gran relevancia histórica e agradeceu o traballo da asociación Mariña Patrimonio
Os nacionalistas celebraron a aparición de restos do paleolítico nunha zona do concello de Cervo, “que veñen a demostrar a enorme riqueza patrimonial do noso concello que debe ser coidada, protexida e aproveitada”, neste sentido Estúa agradeceu o traballo da Asociación Mariña Patrimonio polo seu traballo a prol deste fin e instou á administracións con competencias neste asunto a traballar activamente para facer de Cervo unha referencia na protección, posta en valor e aproveitamento dos seus recursos patrimoniais e culturais.