O goberno local segue meténdose en leas xudiciais a conta da mala xestión dos recursos municipais

Cervo, 9 de marzo de 2010. O BNG fixo público un auto do Xulgado nº 1 de Lugo polo que se anula un acordo da Xunta de Goberno Local de 28 de agosto que reclamaba á empresa vendedora do novo camión de recollida de lixo os gastos dunha avaría provocada pola manipulación de persoal alleo a esta empresa o que supuxo a perda da garantía. Os nacionalistas denuncian outra volta a mala xestión dos recursos e bens municipais co resultado de ter que afrontar gastos innecesarios e a introdución do concello nunha nova lea xudicial.

A improvisación e a chapuza converten unha avaría menor que cubriría a garantía nun gasto de preto de 10.000 euros e outra lea xudicial

A orde de manipular o camión do lixo o 2 de xuño de 2009, por unha avaría na grúa de descarga aplicando soldadura sen o illamento correspondente, provocou segundo a empresa vendedora, a avaría do ordenador de abordo do vehículo e a perda da garantía para unha reparación que a empresa vendedora presupostou en 6.785,62 euros. O goberno local “nunha curiosa decisión”, négase a deixar o vehículo nesta empresa e decide levalo a outra que factura as reparacións en 7.446,62 euros, ademais o desprazamento ao concello de Oleiros de tres operarios municipais, un chofer durante 2 días, un mecánico 3 días e o encargado 1 día, o que supón segundo os cálculos municipais uns gastos de 1.352,37 euros, co que a suma total de gasto chega aos 8.798 euros. Para rizar o rizo o goberno local toma a decisión en Xunta de Goberno celebrada o 28 de agosto de 2009 de reclamar á empresa vendedora o gasto orixinado e anuncia a retención do aval do contrato de compra do camión por unha cantidade case idéntica ao reclamado, 8.742 euros.

O auto do Xulgado nº 1 de Lugo deixa en suspenso a reclamación aprobada pola Xunta de Goberno de 28 de xuño polo que se reclamaban 8.798 euros á empresa vendedora do camión.

A suspensión xudicial do acordo da Xunta de Goberno Local polo que se reclamaban á empresa vendedora do camión os gastos producidos pola avaría “non e mais que a primeira consecuencia da sucesión de despropósitos na xestión do goberno local que improvisa e non pensa as súas decisións”. “Os nacionalistas  cervenses non saben si as decisións do goberno local veñen por iluminación divina ou terreal, o que si saben e que deberían cambiar de asesoría”, “non e de recibo que ademais de facer chapuzas estas lles custen cartos á cidadanía e que unha avaría simple se converta nunha grave e remate nos xulgados”, denunciou o portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, que engadiu á factura de reparación do camión por 7.446 euros e aos gastos de desprazamento de persoal municipal  por 1.352 euros,  a de aluguer de outro para atender o servizo de recollida de lixo, do que constan facturas por 1.044 euros co que a suma total ascende a mais de 9.800 euros.

Os nacionalistas seguen poñendo exemplos de mala xestión dos recursos municipais en Cervo

O BNG de Cervo segue no seu empeño de facer partícipe á opinión pública da mala xestión do goberno local dos recursos e bens municipais, nesta ocasión poñen como exemplo a avaría do motor cargador do novo  camión do lixo que pasa de ser un problema menor a converterse nunha lea xudicial pola precipitación nas decisións das persoas responsables de tomalas. Para Xoán Estúa, e de “perogrullo” saber que un produto en garantía non debe ser manipulado por mans alleas ao provedor,  xa que isto provoca a perda dos dereitos de garantía, pero ademais e inadmisíbel que non admitir isto teña como consecuencia unha avaría mais grave e o incremento da reparación da avaría en mais de 2.000 euros para que todo acabe no xulgado. O nacionalista referiuse a este caso como unha cuestión menor, mais puxo este exemplo como dato a valorar de cómo se xestionan os recursos públicos en Cervo.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Arquivo a descargar
  • Arquivo a descargar