O BNG VOTARÁ EN CONTRA DAS SUBAS DE TAXAS E PRESENTARÁ EMENDAS PARA CONXELAR AQUELAS TAXAS QUE AFECTAN DIRECTAMENTE NO CAMPO SOCIAL E NA CALIDADE DE VIDA DA CIDADANÍA.
Cervo, 30 de outubro de 2012. O BNG anunciou o voto en contra da suba do 3,4% en 17 ordenanzas fiscais que o goberno levará ao pleno desta tarde, ademais anunciou que presentará emendas para a conxelación desta suba naquelas ordenanzas que afectan directamente ás economías familiares para manter a calidade de vida da cidadanía en servizos tan importantes como o saneamento, auga ou actividades deportivas. Os nacionalistas instan ao grupo de goberno a rebaixar os gastos do grupo de goberno xa que de sete concelleiros, seis cobran das arcas públicas ao tempo que lle piden recortes nos gastos en propaganda e gabinetes de prensa.
O BNG anunciou o voto contrario á suba nun 3,4% de 17 ordenanzas fiscais e presentará emendas para a conxelación daquelas que inciden na calidade de vida das familias xusto nun momento no que é difícil chegar a fin de mes con un ou varios dos seus membros en paro ou con salarios conxelados que non acompasan os seus ingresos á suba real dos prezos.
Os nacionalistas critican que o Partido Popular de Cervo tivera conxelada a actualización de taxas en época de bonanza económica ou por coincidir con períodos electorais, mentres agora no momento no que moita xente está a pasar por graves dificultades económicas dende o goberno local fáiselles pagar por servizos moito mais do que pagaban cando os seus ingresos eran superiores.
O BNG lembrou que as medidas de axuste impostas polo PP, tanto no nivel estatal, como galego impoñen reducións do déficit público que afectan directamente á cidadanía con recortes nos servizos públicos, ausencia de estímulos para a reactivación económica, suba de impostos indirectos como o IVE ou planos de axuste ás entidades locais que teñen como consecuencia mais desemprego, peche de empresas e negocios autónomos e un adelgazamento en xeral da calidade de vida dos cidadáns que pagan a factura dunha crise da que non son culpábeis.
O BNG bota en falta nas medidas do grupo de goberno do PP de Cervo para a redución do gasto do grupo de goberno, como o BNG lles solicitou en reiteradas ocasións, seis dos seus sete membros cobran das arcas municipais e multiplican as reunións das xuntas de goberno elevando as previsións iniciais dos seus ingresos por asistencia a estas reunións en case un 100%.
Igualmente lembraron que o PP negouse a admitir unha emenda do BNG aos orzamentos 2012 que pedía a redución a cero dos 48.000 euros previstos para gastos protocolarios e de propaganda e que estes foran destinados a recortar o impacto das subas das ordenanzas fiscais do Punto de Atención Infantil, Servizo de Axuda no Fogar e Escolas Deportivas.
Os nacionalistas criticaron que o grupo de goberno siga mantendo o gasto dun gabinete de prensa que traballa a tempo completo nas instalacións municipais, usando as instalacións e equipos municipais cando debería ser un gasto prescindíbel.