O BNG pediu no pleno o mantemento dos postos de traballo e as condicións laborais dos cadros de persoal de Alcola e as empresas auxiliares
Cervo, 1 de xuño de 2012. O BNG destacou do pleno celebrado onte na corporación municipal de Cervo a negativa do Partido Popular a apoiar unha emenda unha iniciativa que pedía o mantemento dos postos de traballo e condicións laborais dos cadros de persoal de ALCOA e as súas empresas auxiliares. Nos asuntos a debate tamén se trataron dás mocións para o financiamento do SAF básico: unha do PP que instaba á deputación a financiar os servizos sociais comunitarios, para o BNG tardía por que a deputación xa ten asumido o mantemento do 100% deste servizo por acordo plenario no ente provincial e irresponsábel xa que pola contra o mesmo PP negouse a apoiar a moción nacionalista que sobre o mesmo tema pedía corresponsabilidade económica por parte da Xunta de Galiza para o mesmo servizo que este ano deixa en cero as axudas aos concellos para o mantemento do SAF básico. A sorpresa do día chegou co renuncia da concelleira Pilar álvarez a favor da até agora asesora, Pilar Armada que cobraba por este posto 21.000 euros anuais. O BNG agarda que a eliminación do cargo de asesora supoña o aforro do salario para Pilar Armada e non un simple cambio de responsabilidades sen ningún aforro para as arcas municipais.
O BNG pediu mediante unha emenda que ao tempo que se lle pide ás administracións un esforzo económico para asegurar a viabilidade de ALCOA que este se condicione ao mantemento do emprego e condicións laborais.
O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, lamentou que o PP non fora sensíbel á necesidade de mantemento dos postos de traballo e as condicións laborais dos cadros d persoal da factoría ALCOA e empresas auxiliares. O nacionalista que apoiou a moción do PP para garantir á multinacional un subministro enerxético a uns custes que permitan a súa viabilidade e competitividade, lembrou que si as administracións públicas se lles pide un esforzo para chegar a este fin, estas e a propia ALCOA deben ter en conta que o fundamental é manter o emprego e as condicións laborais existentes na actualidade. O nacionalista criticou ao PP por negarse a apoiar esta emenda que simplemente engadía aos puntos de acordo a aposta polo emprego na comarca.
O PP demostrou no debate sobre o financiamento dos servizos sociais a súa falta de sensibilidade cos mais necesitados ao tempo que corre a salvar da quebra aos bancos dirixidos polos seus militantes.
Mentres a deputación xa garantiu o financiamento ao 100% dos servizos comunitarios básicos mediante acordo plenario, o PP segue negando a corresponsabilidade económica da Xunta de Galiza que este ano rebaixou a cero as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes. O nacionalista Estúa comparou o apoio económico recibido polo concello nos últimos dous anos para os servizos sociais básicos para non dependentes que no aportado pola deputación que en 2010 multiplicou por tres a axuda prestada pola Xunta, no 2011 multiplicouse por cinco e no 2012 será do 100% xa que a Xunta porá cero euros para o SAF básico. Estúa acusou ao PP de ser insensíbel coas necesidades sociais, sanitarias ou educativas das maiorías sociais e correr en auxilio da quebra da banca privada que dirixen os seus militantes, como sucede con Bankia.
Os nacionalistas agardan que a eliminación do posto de asesora que ocupaba Pilar Armada supoña un aforro económico e non un simple cambio de cromos.
A renuncia no pleno de onte do posto de concelleira da edil Pilar álvarez para ser substituída pola ate agora asesora da alcaldía, Pilar Armada, debe incluír tamén o aforro dos 21.000 euros que cobraba anualmente a asesora. “Non tería sentido que mentres se prescinde de servizos e postos de traballo no concello, sigamos mantendo a un grupo de goberno preocupado unicamente de cobrar a fin de mes, nin tampouco que o PP discrimine entre concelleiras de primeira e segunda á hora de cobrar das arcas públicas”, afirmou Estúa. Os nacionalistas agradecen os servizos prestados pola até onte edil de xuventude e igualdade, Pilar álvarez, “que exerceu as súas funcións cun perfil mais ben baixo” e demandan da nova edil que tomará posesión proximamente “que veña a traballar e non so a cobrar”.