A Historia secuestrada polo franquismo

O BNG de Cee e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) organizan un acto para mañán martes, 19 de abril, ás 20:30 horas no salón de plenos do Concello de Cee. Falaremos das medidas anticonstitucionais que se produciron en Cee a respecto do cumprimento da Lei 52/2007 do 26 de decembro ou Lei da Memoria Histórica por parte do goberno municipal de IxCee e PSOE no tocante á simboloxía franquista existente en Cee: nome do colexio público de educación infantil da vila e monumento na honra dos sublevados.

Portada do libro

En dito acto darase conta das actuacións que o noso grupo político levará a cabo para dignificar a memoria dos represaliados e asasinados durante a Guerra Civil, e que faremos en caso de gobernar.

No acto tamén se realizará a presentación do libro de Manuel Monge “A memoria secuestrada polo franquismo”. Contaremos coa presenza do presidente da CRMH, que nos falará do seu libro, feito para recuperar a historia secuestrada polo franquismo, mais tamén para a acción, para cambiar as cousas.

En Galiza non houbo Guerra Civil, senón un auténtico xenocidio, un plan sistemático e preconcebido de eliminación de oponentes políticos a través de múltiples mortes, torturas, exilio e desaparicións forzadas de persoas, con máis de 5.000 asasinados polo fascismo en toda Galiza e máis de 600 na comarca da Coruña. Aquí houbo campos de concentración; os franquistas roubaron miles de menas e nenos ás súas familias, sen que o Goberno se implique na súa recuperación; aínda quedan máis de cen mil persoas nas fosas de todo o Estado.

¡Non podemos esquecer!

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]